Casado Fernández, Luís

Casado Fernández, Luís

Fotógrafo. Coñecido como Luís Ksado, deu a coñecer a súa obra fotográfica a partir dos anos trinta. Aos seis anos de idade trasladouse a vivir a Ourense, e xa con dez anos entrou como aprendiz no estudo fotográfico de Xosé Pacheco. En 1915 estableceu o seu propio estudo na rúa do Vilar, en Santiago de Compostela, e nos anos vinte abriu outro obradoiro fotográfico en Vigo.   Colaborou en numerosos medios como Faro de Vigo, El Pueblo Gallego, Galicia e Vida Gallega. En 1911 foi correspondente de El Nuevo Mundo. Ao longo da súa vida publicou fotografías en distintas publicacións españolas como ABC, Agora, La Esfera, Mundo Gráfico, LaVanguardia, Céltiga e noutras arxentinas como La Nación, La Prensa e Diario de la Marina. Expuxo en Ponferrada, Betanzos, Vigo, Bos Aires e Madrid. En 1928 editou Estampas Compostelanas, unha colección de fotografías que incluía monumentos, rúas e panorámicas da cidade compostelá. Relacionouse co círculo de intelectuais galeguistas do Seminario de Estudos Galegos e participou na procura dos sinais de identidade relacionados con Galicia. En 1936 publicou Estampas de Galicia, editada pola Sociedade de Estudios Kasado SL como álbum no que se debían ir pegando as estampas coas imaxes de Galicia, que recollían vistas das cidades, rúas, monumentos, paisaxes, escenas de traballo mariñeiro e campesiño, etc. As súas iniciativas editoriais interrompéronse coa Guerra Civil, aínda que despois se reeditaron. Despois de 1937 o seu traballo centrouse na actividade fotográfica exclusivamente. As concepcións estéticas das súas imaxes documentais son as clásicas, as establecidas no s XIX, afastadas das innovacións vangardistas que daquela se impuñan en Europa. No ano 1961 foi homenaxeado pola Agrupación Fotógrafica Galega, que o nomeou presidente da asociación.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ávila

  • Deceso

    Lugar : Santiago de Compostela