Casal Gosenxe, Ánxel
Editor, escritor e activista do nacionalismo galego. Con catorce anos emigrou a Bos Aires, onde residiu algo máis de dous anos. Regresou á Coruña, comezou a traballar no consulado francés e iniciou a súa actividade relacionada coa promoción galeguista. O 18 de maio de 1916 creouse a primeira Irmandade da Fala na cidade herculina, baixo a dirección de Antón Villar Ponte, na que ingresou Ánxel Casal, quen se converteu nun dos protagonistas na tarefa de difusión e promoción dos ideais galeguistas que se realizaba a través da revista A Nosa Terra, órgano de expresión ideolóxica das Irmandades. Participou na organización das diferentes asembleas das Irmandades, dende onde loitou pola rehabilitación idiomática do galego como base do seu pensamento político. Nesa dirección colaborou no Conservatorio de Arte Galega e traballou como actor de diversos espectáculos como A patria do labrego, dirixida por Leandro Carré, a partir dun texto de Antón Villar Ponte. Xunto con Antón Villar Ponte e Xoán Vicente Viqueira redactou as Bases das Escolas de Insiño Galego (1923) que propugnaban a educación en galego para os rapaces e, nun local da redacción de A Nosa Terra, estableceu a primeira escola galega, na que impartiu clases con Xoán Acuña. No ano 1924 asociouse con Leandro Carré Alvarellos para iniciar a súa carreira como editor da editorial Lar, de onde saíu unha colección de corenta novelas curtas en galego, todas elas ilustradas polo artista Camilo Díaz Baliño. Publicou, ademais, o Dicionario galego-castelán de Leandro Carré, Cousas de Castelao e O Mariscal de Cabanillas e Villar Ponte. Editou ademais a revista Nós dende o 25 de xullo de 1925, a partir do número 19. No ano 1927 Casal rompeu a sociedade con Carré, que continuou con Lar ata 1928, e fundou a editorial Nós, referencia para a literatura galega de finais dos anos vinte e a década dos trinta, primeiro desde a súa sede da Coruña e, a partir de 1931, desde Santiago de Compostela, onde se asentou o editor galego. A imprenta da editorial Nós converteuse nun lugar de tertulia e reunión de escritores e artistas, así como de intelectuais do galeguismo. Do seu prelo saíron obras como O porco de pé ou O bufón d’El Rei, de Vicente Risco, Os camiños da vida ou Arredor de si, de Otero Pedrayo, Retrincos ou Os dous de sempre, de Castelao, así como obras de autores como Carballo Calero, Fole, Cunqueiro ou Luis Manteiga, e artistas como Seoane ou Maside. Nese período comezou a publicación da revista Arquivos (1927-1934), na que se incluían unha serie de investigacións dos membros do Seminario de Estudos Galegos. A actividade editora de Casal non se pode desvincular da súa militancia política, que iniciara desde os seus tempos mozos ao ingresar na Irmandade da Fala aínda que apenas se puidera manifestar politicamente nos anos da Ditadura; xunto con Villar Ponte, Somoza e Taracido, achegouse ao republicanismo de Casares Quiroga, que deu lugar á fundación da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) no mes de outubro de 1929, da que máis tarde se afastaría. Posteriormente participou na fundación do Partido Galeguista en decembro de 1931, constituído co obxectivo irrenunciable do recoñecemento por Estatuto da plena autonomía galega dentro do marco da República. En 1933, publicou ademais o folleto Ideas que defende e fins que se propón o Partido Galeguista, de Vicente Risco, onde se definen as ideas do PG e que apoian os republicanos e autonomistas. Tralo triunfo nas eleccións nacionais, foi designado alcalde de Santiago de Compostela o 23 de febreiro do 1936 e vogal da deputación da Coruña o 21 de marzo. Colaborou na campaña pro Estatuto desde o seu cargo municipal e como editor formou parte da comisión encargada de presentalo en Madrid. Ao seu regreso a Santiago de Compostela, o alzamento militar provocou o seu abandono da alcaldía. Mentres agardaba a que situación política se aclarase, o 4 de agosto de 1936 prendérono nunha aldea de Arzúa. O día 19 dese mes morreu paseado nun lugar de Cacheiras.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña -
Deceso
Lugar : Cacheiras, Teo