Casal Rivadulla, Antonio
Actor teatral e cinematográfico. Comezou no teatro como afeccionado na Coruña e como profesional en Madrid a finais dos anos 20. Despois da Guerra Civil, sen deixar o seu labor teatral, converteuse nunha figura de relevancia na historia do cine español da década de 1940, a partir da súa aparición no filme Polizón a bordo! (1941), de Florián Rey. Na súa traxectoria cinematográfica foi importante a súa relación co produtor Cesáreo González e a súa vinculación coa obra literaria, levada ao cine, de Wenceslao Fernández Flórez. En relación con estes dous feitos están as súas interpretacións en Botón de ancla (1947), El negro que tenía alma blanca (1951) e La trinca del aire (1951), as máis importantes da súa carreira cinematográfica. Baixo a dirección de Rafael Gil interpretou os filmes: El hombre que se quiso matar (1942), Huella de luz (1947) e Camarote de lujo (1957). Caracterizouse pola súa expresividade xestual e versatilidade, tanto para a comedia como para o drama. A chegada da televisión permitiulle recuperar, grazas ás versións de obras teatrais e zarzuelas, o contacto cun público moi amplo. En 1997, o Festival de Cine de Ourense dedicoulle unha homenaxe, acompañada dunha publicación coordinada por J. L. Castro titulada Antonio Casal, comicidad y melancolía.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela -
Deceso
Lugar : Madrid