Casalderrey Fraga, Fina
Escritora e mestra. Deuse a coñecer no eido da narrativa en 1991 coa novela xuvenil Mutacións xenéticas e posteriormente publicou, entre outras obras: Dúas bágoas por Máquina (Premio Merlín, 1991), A noite dos coroides (1993), Asústache, Merche! (1994), Chamizo (1994), O misterio dos fillos de Lúa (Premio O Barco de Vapor, 1994 e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 1996), O estanque dos parrulos pobres (Premio EDEBÉ de Literatura Infantil, 1995), Prohibido casar, papá! (1996), Sobrevives? (1996) e Puag, que noxo! (1997), Cuca e o abrigo marrón (1998), Bicos de prata (2000) e La máscara de palma (2000). Investigadora en temas gastronómicos e etnográficos publicou, xunto con Mariano García, O libro da empanada (1993), Festas gastronómicas de Galicia (1994) e Repostería en Galicia (1997). No campo da escrita dramática e do teatro escolar, cómpre destacar a súa actividade como directora de varias pezas representadas polos seus alumnos. Algunhas delas aparecen recollidas no volume Recursos teatrais para a expresión dramática na escola (sete pezas para representar) (1996). En 1996 recibiu o Premio Cidade de Pontevedra pola totalidade da súa obra.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Xeve