Casares Mouriño, Carlos

Casares Mouriño, Carlos

Escritor e crítico literario. Pasou a súa infancia en Xinzo de Limia por causa do traballo do seu pai, que era mestre. En 1952 trasladouse a Ourense para estudiar o bacharelato no Seminario Conciliar. Alí, por vez primeira, viviu represións, como a prohibición de falar galego, e descubriu a literatura galega e a propia vocación literaria. En 1959, dous anos despois de abandonar o seminario, gañou o primeiro premio do Concurso Provincial de Cuentos de Navidad, feito que lle deu a posibilidade de coñecer a Vicente Risco, quen o orientará cara ao galeguismo. En 1961 comezou os estudios de filosofía e letras na Universidade de Santiago de Compostela, onde se licenciou en 1967. Foi daquela cando empezou a relacionarse con núcleos estudiantís galeguistas e iniciou a súa amizade con Ramón Piñeiro. No ano 1967 detívoo a policía xunto co profesor José Luís Aranguren. Nos anos sesenta asistiu a algunhas xuntanzas do Consello da Mocidade e en 1964 integrouse na Asociación Democrática de Estudiantes. Ao rematar a carreira militou na FLP. Durante os seus anos de estudiante en Compostela comezou a publicar poemas e relatos na revista Grial. En 1974 gañou unha praza de docente de instituto en Cangas, onde foi obxecto dun expediente disciplinario por parte do ministerio de Educación. En 1977 foi elixido membro da Real Academia Galega. En 1982 resultou electo deputado autonómico, ao presentarse como independente nas listas do PSOE. O seu labor como deputado centrouse na elaboración da Lei de Normalización Lingüística e en aspectos relacionados coa cultura galega. Retirado da política activa, dedicouse ao seu quefacer literario, actividade que combinou coa dirección da editorial Galaxia e da revista Grial, e coas colaboracións na prensa. En 1983 foi invitado a visitar a URSS durante un mes pola Asociación de Escritores daquel país. En 1994 pasou seis semanas en Berlín na Casa de Escritores de Wammsee, cunha bolsa do goberno alemán. Membro de diversos padroados e fundacións vinculadas á cultura galega, en 1996 foi elixido presidente do Consello da Cultura Galega. En 1998 impartiu un curso de doutoramento no Graduate Center da City University of New York e no ano 2000 participou no Expreso da Literatura, que levou a 104 escritores de toda Europa dende Lisboa ata Berlín, pasando por San Petersburgo e Moscova. A súa extensa obra narrativa inaugurouse con Vento ferido (1967), conxunto de doce relatos marcados pola violencia, a monotonía, a soidade e o fatalismo, e contados con técnicas e puntos de vista varios, dende o monólogo interior á narración en terceira persoa. Cambio en tres (1969) foi a súa primeira novela e nela retrata, de xeito innovador desde o punto de vista formal, o mundo da emigración; polo tema que trata considérase unha obra de transición entre a Nova Narrativa e a novela posfranquista. A novela Xoguetes para un tempo prohibido (1975, Premio de novela do XXV Aniversario da editorial Galaxia e Premio da Crítica Española 1976) reflicte as experiencias dos estudiantes da universidade compostelá da década dos sesenta comprometidos na loita antifranquista; esta obra adoita considerarse como o peche dun ciclo narrativo aberto con Vento ferido. En 1979 saíu do prelo Os escuros soños de Clío (Premio da Crítica Galicia 1980 do Círculo Ourensán Vigués), novela curta de reminiscencias cunqueirianas e borxianas, onde Casares xoga coa historia e mostra o mellor da súa imaxinación narrativa. Ilustrísima (1980) é unha novela na que se nos conta os desacougos dun bispo ante os atrancos que supón instalar na vila un cinematógrafo; a obra destaca polo retrato do personaxe principal (un bispo cheo de humanidade, comprensión, sensualismo e liberalidade) e pola ambientación e reconstrucción da vida dunha vila de provincias de principios de século. A novela Os mortos daquel verán (1987, Premio Losada Diéguez) é unha obra de aparencia documental formada por dez informes xudiciais que recollen as contradictorias versións da morte dun boticario ao inicio da Guerra Civil, e que destaca pola recreación de fórmulas xurídicas. A obra Deus sentado nun sillón azul (1996) é un extenso relato que recrea a vida dun personaxe que podería ter a Risco como imaxe; trátase dunha obra na que a desmitificación histórica se elabora a través da análise da violencia. Posteriormente deu ao prelo Un país de palabras (Premio da Crítica Galega 1999). Tamén ten feito incursións no campo da literatura infantil: A galiña azul (1968, premiada no I Concurso de Contos O Facho), conto para nenos no que se reivindica o dereito a ser diferentes mediante unha simpática anécdota; a peza teatral As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas (1973, Premio de Teatro Infantil O Facho); O can Rin e lobo Crispín (1983); Toribio ten unha idea (1992); Un polbo xigante 2000); e as traduccións ao galego de O principiño (1972), de Saint-Exupéry, e da obra da sueca María Gripe Os escaravellos voan á tardiña. Dedicado, ademais, ao ensaio e á crítica literaria, destaca con títulos de consulta: a edición crítica de Aires da miña terra de Curros Enríquez (1975); as biografías de Curros Enríquez (1980), Vicente Risco (1981) e Otero Pedrayo (1981); o estudio e edición das Obras completas (1980) e da Poesía completa de Curros Enríquez (1992); e as Conversas con Ánxel Fole (1984) e Ramón Piñeiro. Unha vida por Galicia (1991, V Premio Literario Ánxel Fole). O seu labor xornalístico foi en parte recollido no volume Na marxe de cada día, que reúne colaboracións súas en La Voz de Galicia. Foi galardoado co Premio Xunta de Galicia á Creación Literaria (1989) e co I Premio Otero Pedrayo das deputacións galegas.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ourense

  • Deceso

    Lugar : Vigo

Audio :
Audio :