Casares Paz, Santiago
Avogado e político republicano. Estudiou dereito na Universidade de Santiago de Compostela para despois instalarse na Coruña, onde desenvolveu a súa carreira profesional e política. Foi avogado e administrador de propiedades da burguesía local coruñesa e profesor na Escola de Comercio. Desde 1888 exerceu como administrador-secretario da sociedade de Seguros Mutuos, cargo que alternou co seu fillo ata a súa renuncia (1916) en favor deste. Participou na vida política da cidade desde as filas do republicanismo como seguidor das ideas federalistas de Pi i Margall. Redactou, xunto con Moreno Barcia, o Proyecto de Constitución para el futuro Estado Galaico. O seu anticlericalismo manifestouse na expulsión das Hermanas de la Caridad da Coruña no ano 1901. Recoñecido masón, fundou, xunto co seu fillo e Matías Wirtz, a Loxa Gallaecia nº 408 no ano 1919. Elixido concelleiro desde as eleccións municipais de 1902, chegou a ser alcalde da Coruña entre o 19 e o 31 de decembro do 1917, trala situación xerada pola folga xeral dese ano, que supuxo o ingreso no cárcere dos concelleiros que participaran nela. Tralo seu curto mandato foi substituído polo tamén republicano Abad Conde en xaneiro de 1918.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela -
Deceso
Lugar : Donostia