Casares Quiroga, Santiago

Casares Quiroga, Santiago

Avogado e político republicano, fillo de Santiago Casares Paz. Estudiou no Colexio Dequidt e no Instituto Eusebio da Guarda da Coruña. Iniciou a carreira de dereito na Universidade de Santiago de Compostela, que rematou na Universidad Central de Madrid, onde defendeu unha tese sobre Ramón de la Sagra, socialista utópico galego. Durante a súa etapa universitaria militou no Partido Republicano Autónomo da Coruña, defensor dun republicanismo de esquerdas e promotor dos dereitos democráticos nun estado laico. No ano 1911 volveu á Coruña, onde comezou a desenvolver a súa carreira como avogado especializado na defensa de pequenos casos de obreiros e líderes sindicais locais que lle deron notoriedade popular. Tralas eleccións municipais de 1911 e ata 1920 resultou elixido concelleiro e ocupou o cargo de sexto tenente de alcalde do concello; no exercicio dese mandato aprendeu a arte de facer política da man dos activos republicanos coruñeses. No transcurso desa década comprometeuse no proxecto anticentralista e anticaciquil de Solidaridad Gallega, fundada en 1907 ao redor de Manuel Murguía. Nesa organización, coincidiu co médico Rodríguez, con quen participou na fundación da Xunta Solidaria da Coruña, onde entrou en contacto con Rodrigo Sanz, o gran teórico das asembleas agrarias, polo que comezou a participar nas diversas xuntanzas organizadas por Solidaridad Gallega e presentouse a deputado provincial por esta formación pola circunscrición da Coruña-Carballo. Por todas estas circunstancias, Casares constituíuse nun dos representantes do grupo dos “mozos turcos”, xunto con Abad Conde, Somoza, Taracido ou Wonemburger, que defendían un republicanismo unionista e federal de corte clásico e unha cultura laica e librepensadora que acabou por ter responsabilidades políticas na República. En 1914 dirixiu o diario republicano Tierra Gallega, desde onde defendeu unha postura neutral na Primeira Guerra Mundial, e colaborou coa revista España. Máis alá do ámbito galego, foi o representante coruñés na Asamblea Republicana de Madrid de 1917 e recibiu do ministerio de Instrución Pública e Belas Artes francés o nomeamento de oficial da Academia en 1920. A actividade política de Casares reduciuse durante a Ditadura de Primo de Rivera a pequenas intervencións na política local como avogado e centrouse nos negocios privados; sen embargo, a partir de 1926 participou, xunto con outras forzas de esquerdas, na creación da Alianza Republicana. No ano 1929 asistiu ás primeiras reunións feitas no local da revista Nós, con Alfredo Somoza, Víctor Casas, José Calviño, Villar Ponte, Emilio González López, Taracidos ou Ánxel Casal, que deron lugar á fundación da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA). No Pacto de Lestrove (16.3.1930), asinado entre a ORGA e a Alianza Republicana, que daquela integraba o Partido Radical, naceu a Federación Republicana Gallega (FRG), que designou a Casares Quiroga para representar os intereses desta formación republicano-autonomista e defender os dereitos autonomistas de Galicia no Pacto de San Sebastián (17.8.1930), no que se acordou crear un Comité Revolucionario que funcionou case como un goberno provisorio. A partir deste momento, Casares comezou a participar activamente no movemento republicano español e abandonou o localismo de moitas das súas actividades anteriores. O Comité Revolucionario encargoulle que se trasladase a Jaca para deter unha sublevación militar, que tralo seu fracaso derivou no fusilamento do capitán Fermín Galán e o apresamento de Casares, que foi trasladado ao cárcere Modelo de Madrid, onde tamén acabaron outros políticos republicanos como Maura ou Alcalá Zamora. Logo de pasar por un consello de guerra quedou en liberdade e volveu á Coruña, onde aproveitou a súa popularidade para presentarse ás eleccións municipais do 12 de abril de 1931, nas que saíu elixido concelleiro pola ORGA e inmediatamente se trasladou a Madrid, onde se acababa de proclamar a República. Como membro do Comité Revolucionario instituído polo Pacto de San Sebastián, o goberno provisional nomeouno ministro da Mariña, cargo que desempeñou ata que, tralas eleccións constituíntes e a creación do novo goberno, substituíu a Maura no ministerio da Gobernación, onde permaneceu ata a fin do goberno Azaña. No ministerio de Gobernación rodeouse de bos colaboradores, como González López, Peña Novo, Osorio Tafall e outros, pero foron días moi difíciles para a nova República, tanto pola dereita coma pola esquerda: os militares estaban descontentos coas reformas do Exército; a Igrexa, co laicismo instituído na Constitución; os latifundistas, coa reforma agraria; e os anarquistas estaban impacientes e consideraban que a república burguesa era un trámite cara á revolución. No mes de agosto de 1932 tivo que facer fronte á sublevación militar de Sevilla encabezada polo xeneral Sanjurjo e defendeu no consello de ministros a aplicación da pena de morte. Tralos sucesos de Casas Viejas asumiu todas as responsabilidades derivadas daqueles feitos e presentou a súa dimisión; sen embargo, Azaña non aceptou a súa renuncia e continuou no ministerio. Tamén neste período foi criticado polo galeguismo, que o acusaba de atrasar a aprobación do Estatuto de Autonomía. Quizais pola súa pasividade ante esa cuestión, fundamental para as aspiracións galeguistas, algúns persoeiros da FRG abandonaron o proxecto e crearon o Partido Galeguista en decembro de 1931. Mentres tanto, a ORGA, o partido de Casares, abandonaba progresivamente o seu carácter autonomista. Tralas eleccións de novembro de 1933 -nas que venceu a Confederación Española de Derechas Autónomas (CEDA) e o seu partido retrocedeu, aínda que el conservou o seu escano parlamentario pola Coruña-, achegouse máis ás teses políticas de Azaña. Así, despois da marcha dos galeguistas do partido, fundou con Azaña Izquierda Republicana en abril de 1934, un partido que integrou os partidos republicanos, moderados e laicos. A partir desa data promoveu, xunto con Azaña, a creación dunha Fronte Popular que aglutinase a todos os partidos de esquerdas con vistas á nova convocatoria electoral de febreiro de 1936. Coa vitoria da Fronte Popular, Azaña volveu ao goberno e Casares ocupou a carteira de Obras Públicas; sen embargo, cando Azaña foi elixido presidente da República, Casares foi nomeado xefe do goberno o 13 de maio de 1936, cargo que compatibilizou coa carteira de Guerra. Nesta ocasión, favoreceu a elaboración do Estatuto de Autonomía de Galicia, que foi aprobado en plebiscito o 28 de xuño de 1936. Despois da sublevación militar do 18 de xullo, recibiu fortes críticas por non decatarse do alzamento antirrepublicano que se estaba a preparar e, unha vez iniciado, por oporse á distribución de armas entre a poboación. Como consecuencia da oposición que suscitou o seu posicionamento neses días, Casares dimitiu como presidente do goberno; o novo “ministerio lóstrego”, presidido por Martínez Barrio, malia a súa intención conciliadora, non logrou deter a guerra. Aínda que chegou a incorporarse como miliciano na serra do Guadarrama, foi obrigado a abandonar a fronte. En novembro de 1936 Casares, a súa muller e a súa filla María saían de España, a través de Catalunya, para asentarse en París. Nesta cidade abandonou a súa actividade política, aínda que mantivo contactos con outros dirixentes alí exiliados, como Azaña, Martínez Barrio ou Negrín. Coa ocupación nazi de Francia exiliouse a Londres durante cinco anos, de onde regresou a París en 1945.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : A Coruña

  • Deceso

    Lugar : París