Casas Blanco, Augusto María

Casas Blanco, Augusto María

Avogado e escritor. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela en 1926, ingresou no corpo de funcionarios do ministerio da Gobernación e foi destinado a Barcelona onde residiu toda a súa vida. Formou parte do Seminario de Estudos Galegos, dende moi novo, e colaborou en diferentes revistas e xornais; destacou como comentarista das tendencias e correntes de vangarda. En 1926 fundou, co poeta ourensán Denys Fernández, a revista Galaxia. Comezou a escribir en castelán, lingua na que cultivou a poesía cos sonetos de Alma triste (1924) e os poemas de Panal y flor (1927), este último prologado por Manuel Machado; a biografía, á que achegou os traballos Alí-Bey. Vida, viajes y aventuras de D. Domingo Badía (1943), El Papa Luna (1945) e Fray Junípero Serra, el Apóstol de California (1949); a selección e tradución Las mejores poesías de Rosalía de Castro (1946); e as narracións que agrupa en La tierra del alma y otros cuentos (1950). Como escritor en galego iniciouse coa narración Muiñada de estrelas (1926), á que seguiron cinco poemarios: O vento segrel (1932), Cantigas da noite moza (1950), Isa folla que vai polo río (1954), Alén (1962), con prólogo de Otero Pedrayo, e Servidume da treva (1965). No eido do ensaio é autor do artigo “Esquema da nova poesía galega” (1935), publicado na revista Nós, e dalgún traballo relacionado coa súa profesión como “Encol da nova Ley Municipal Española” (1936).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ourense

  • Deceso

    Lugar : Barcelona