Casas de Paredes

Casas de Paredes

Casas porticadas situadas na avenida da Mariña, na cidade da Coruña, construídas segundo os planos do enxeñeiro Pedro Martín Cerreño e García de Paredes no 1779, coa finalidade de dotar de vivendas o barrio da Pescadería e reordenar a beira portuaria da Mariña. O seu nome pode derivar, ben do propietario do lugar onde se asentan, Francisco Javier García de Paredes, ben do seu deseñador. Concibidas como un gran friso que se estende de xeito paralelo ao mar, contitúen dúas ringleiras de casas separadas pola praza da Aduana, que centra todo o conxunto. Posúen tres corpos de altura, cuberta a dúas augas, bufardas e baixos porticados. O plano de Cerreño abranguía desde a rúa Argar ata o Cantón Grande, pero non se realizou completamente. Finalmente, os comerciantes da cidade ocupáronas. Declaráronse Ben de Interese Cultural en 1982.