Casás Fernández, Manuel
Xurista e escritor. Licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Foi alcalde da súa cidade natal (1916-1917 e 1925-1927), promoveu a celebración do I Congreso de Estudios Gallegos (1919) e organizou, por vez primeira en Galicia, cursos de extensión universitaria impartidos por catedráticos da Universidade de Santiago de Compostela. No seu último período na alcaldía realizou un notable labor construtor, reflectido nos edificios da Audiencia Territorial de Galicia, a Delegación de Facenda, o Banco de España, o edificio de Correos e o Cárcere. Desde o concello xestionou a creación de bibliotecas anexas aos monumentos dedicados a Pondal, Concepción Arenal e Rosalía de Castro. Autor de numerosas obras e folletos sobre temas diversos, destacou no eido do dereito e da lexislación e publicou, entre outras obras, Causa del crimen de las Grañas del Sor (1902) e El Código del menor. Índice de normas jurídicas para la protección de menores. Informe presentado a la Sección quinta de Ciencias Sociales en el XIV Congreso de la Asociación para el Progreso de las Ciencias, celebrado en Galicia del 1 al 8 de agosto de 1934. Realizou tamén traballos de criminoloxía como Cervantes criminalista y el sentido humanitarista de la justicia (1954). Cultivou o ensaio sobre temas históricos, algúns relacionados con Galicia, entre os que se poden citar, Concepto de la patria y de la región (obra premiada nos Xogos Florais de Lugo en 1890), El Regionalismo en Galicia (1893), Un gallego ilustre. Don Ramón de la Sagra (1945) e Episodios gallegos. Recuerdos históricos y literarios (1953). No eido da literatura destacan os ensaios Monografía sobre la poesía popular de Galicia (premiada no certame literario de Pontevedra en 1892) e Páginas de Galicia. Notas históricas y literarias (1950). Foi responsable e creador da Asociación Concepción Arenal pro Presos Liberados e do Instituto de Estudios Gallegos, da que foi presidente perpetuo. Dende 1936 ocupou a presidencia interina da Real Academia Galega ata que en 1942 foi elixido presidente titular ao suceder a Manuel Lugrís Freire, cargo que ocupou ata a súa morte. Foi galardoado coa primeira Medalla de Ouro da cidade da Coruña e a distinción de Fillo Predilecto, membro de honra da Societé Protectrice de L’enfant Anormal de Bruxelas e presidente de honra do Comité Internacional para a Unidade e a Universalidade da Cultura con sede en Roma.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña -
Deceso