Casas Viejas

Casas Viejas

Sublevación campesiña de carácter anarquista que tivo lugar na aldea de Casas Viejas (Cádiz) os días 11 e 12 de xaneiro de 1933, e que foi duramente reprimida polos gardas de asalto. O antecedente da sublevación foi o chamamento á insurrección xeral que a Federación Anarquista Ibérica (FAI) fixo para o día 8 de xaneiro de 1933, secundado en Aragón, Catalunya, València e Andalucía, e que en Casas Viejas se prolongou ata o día 11, cando a CNT proclamou o comunismo libertario na aldea, que estaba rodeada de dominios latifundistas. A participación da poboación estaba motivada pola política social da República, máis reformista ca revolucionaria, e pola Lei de Bases da Reforma Agraria (1932), que decepcionara a milleiros de xornaleiros. Os sucesos en Casas Viejas comezaron logo do asalto ao cuartel da Garda Civil, feito que motivou a chegada dun grupo de gardas de asalto de reforzo que dispersaron a poboación. Non obstante , un pequeno grupo resistiu os ataques dos gardas durante toda a noite na casa de Curro Cruz Seisdedos, ata que o día 12 foi incendiada e morreron todos os ocupantes. Así mesmo, procedeuse á detención de 14 persoas elixidas ao chou entre os habitantes de Casas Viejas que foron executadas extraxudicialmente. A dureza e arbitrariedade da represión supuxo o descrédito para o goberno de Azaña, que sufriu críticas e ataques desde todos os grupos da oposición, sobre todo dos grupos anarcosindicalistas, que fixeron campaña pola abstención nas eleccións de novembro de 1933.