Casilda de Burgos,
santa (Toledo, s XI - Briviesca, Burgos 9.4.1126) Filla do rei mouro de Toledo Almancrín (1038-1075), converteuse ao cristianismo. De espírito compasivo, alimentaba os prisioneiros cristiáns sen o consentimento do seu pai, pero un día sorprendeuna e preguntoulle qué tiña agochado no mandil; ela díxolle que levaba rosas e flores e, efectivamente, produciuse o milagre e os anacos de pan convertéronse en flores. Foi trasladada cando estaba enferma á lagoa de San Vicente, preto de Briviesca, famosa polas súas curacións milagrosas. Logo de conseguir o remedio do seu mal, fíxose bautizar e levantou unha ermida naquel lugar, onde pasaría o resto da súa vida, entregada á práctica piadosa. En Galicia invócase contra a histeria feminina, como reflicten expresións, populares do tipo “Gárdame, santa Casilda, do madrío ando saída”. Na arte iconográfica leva como atributo persoal unha abada de flores e, ás veces, aparece con coroa real na cabeza. A súa festividade celébrase o 9 de abril.