Caso Blanco, José de
Escritor, publicista e profesor. Foi profesor de filosofía na Universidad de Madrid, onde influíu na formación de Julián Besteiro. Tamén exerceu no colexio internacional, fundado por Nicolás Salmerón, e na Institución Libre de Enseñanza, na que figura xa na primeira xunta facultativa de 1876. Na ILE ocupou o cargo de director de segundo ensino e dirixiu o Boletín de la Institución Libre de Enseñanza, no que colaborou con 17 artigos entre 1880 e 1892. Realizou unha análise da situación educacional en Galicia e escribiu, entre outros, os artigos “Institución Libre de la Enseñanza” (1882), publicado en La Ilustración Gallega y Asturiana, e “Una misión pedagógica” (1885), publicado en Revista de España, onde analiza a situación das escolas de párvulos de Pontevedra e da Coruña. Publicou ademais La enseñanza del idioma (1889) e traduciu Los orígenes de la civilización, de Lubbock. Preparou o libro póstumo de Sanz del Río Análisis del pensamiento racional (1877).