castañeta

castañeta

(< castaña)

[ANIMALT/ICT]
  1. s f

    Peixe da familia dos brámidos de maxilar exposto, ancho e escamoso, estendido polo menos ata debaixo da metade do ollo. Os ollos son grandes e os dentes pequenos. A aleta dorsal é única e ancha na súa base, igual ou un pouco máis ca a aleta anal; os raios anteriores non están ramificados; as aletas pectorais son longas e en forma de ás; e as aletas pelvianas, normalmente cunha espiña e cinco raios, teñen unha prominente escama axilar na base.

    Sinónimos: palometa.
  2. s f castañeta común [Brama brama, Fam dos brámidos] s f

    Peixe oceánico de ata 70 cm e 6 Kg, de corpo moi comprimido e de cor negra prateada. Ten as aletas dorsal e anal orladas de negro, e as aletas pares e o bordo da aleta caudal máis claras. Durante o día vive entre os 100 e 400 m de profundidade e ascende ata preto da superficie pola noite. Os peixes, agrupados en pequenos cardumes, realizan migracións estacionais con fins reprodutores que os achegan ás costas e efectúan os movementos en relación coa temperatura das masas de auga; de feito, captúrase con palangres de superficie, ou, ocasionalmente, con corricán, cebados con pequenos peixes como bolos ou anacos de rincha; as capturas varían en función do seu paso migratorio. Parece alimentarse de forma oportunista daquelas presas que atopa, tales como pequenos peixes, cefalópodos, anfípodos e eufausiáceos. As larvas aparecen xeralmente lonxe da costa, no plancto das augas cálidas. A castañeta está distribuída polos océanos Atlántico, Índico e Pacífico sur, e penetra tamén no Mediterráneo occidental. En Galicia a tempada de pesca coincide co seu paso migratorio, centrado nos meses de primavera e comezos do verán; nestas augas a súa presencia é cada vez máis escasa, polo que os barcos se desprazan cara a augas situadas máis ao sur. As capturas comerciais realízanse normalmente sobre exemplares de 40-55 cm, ou incluso de menor talle debido á sobreexplotación (o talle legal de captura é de 30 cm). É un peixe comestible, de carne firme e pel moi dura. Consómese fritido, á prancha ou cocido en salpicón. É frecuente a presencia de parasitos na súa carne, recoñecibles como uns fíos lonxitudinais brancos, que carecen de perigosidade para o consumo humano por mor das altas temperaturas ás que se someten durante o cociñado.

  3. castañeta alada [Pterycombus brama, Fam dos brámidos]

    Peixe oceánico de ata 40 cm de lonxitude, de corpo comprimido e cor prateada sobre fondo negro. Ten aletas negras na porción anterior que van perdendo a cor cara á parte posterior; as aletas pectorais están debilmente pigmentadas e as aletas pélvicas e caudal son escuras, a excepción dunha área máis clara no bordo da caudal. É un migrador estacional, de hábitat peláxico, que aparece ligado ás masas de augas cálidas afastadas da costa. A época de posta ten lugar ao longo de todo o ano, preto do bordo da plataforma continental, ao leste de Florida. As crías son comúns nas costas atlánticas norteamericanas e en febreiro concéntranse nas augas da Corrente do Golfo, a profundidades de entre os 25 e 300 m. Na súa dispersión chegan ás costas europeas ata o norte de Noruega. A súa presenza é rara na Península Ibérica e limítase á costa atlántica e cantábrica.

  4. castañeta azul [Diretmus argenteus, Fam dos dirétmidos]

    Pequeno peixe oceánico de ata 12,5 cm que, inicialmente, é prateado, mentres que na idade adulta se volve pardo, máis ou menos escuro, coa cavidade bucal moura. Presentan agregados de glándulas epidérmicas na parede media da cámara branquial; a secreción destas glándulas interprétase como un sistema de defensa, cun efecto pestilente sobre os potenciais predadores. Viven entre os 500 e 700 m de profundidade. Son planctívoros e a reprodución prodúcese ao longo de todo o ano en augas subtropicais e tropicais. Aparecen distribuídos por todos os océanos nas augas temperadas e nas tropicais. En augas europeas ascenden ata o norte das Illas Británicas, e, máis raramente, ata Islandia, sen chegar ao Mediterráneo. Na Península Ibérica está ausente no Cantábrico e aparece pouco nas augas atlánticas, aínda que a súa presenza é maior canto máis ao sur, sobre todo preto do estreito de Xibraltar.

  5. castañeta moura [Taractichthys longipinnis, Fam dos brámidos]

    Peixe oceánico de ata máis de 100 cm de lonxitude, de corpo alto e ovado, case circular e totalmente negro, a excepción das aletas pares máis claras e o bordo branco das aletas dorsal, anal e caudal. Aparece en augas cálidas afastadas das costas africanas e peninsulares e a súa presenza é ocasional canto máis ao norte.