Castelli, Francesco

Castelli, Francesco

Arquitecto italiano. Coñecido como Francesco Borromini, traballou en Roma como deseñador co seu mestre Carlo Maderno. Á morte deste, estivo ás ordes de Gian Lorenzo Bernini, con quen colaborou no palacio Barberini e no baldaquino de San Pedro do Vaticano. A súa obra oponse ás concepcións renacentista e barroca, e adecúase a unha percepción orgánica e dinámica na que todos os elementos estruturais, non soamente os pétreos, actúan e acadan a complexidade dunha inmensa membrana. Empregou a elipse, os muros cóncavos e convexos, as fontes de luz inesperadas, e unha sinuosidade presente en todos os elementos das molduras e da ornamentación, contraditoria e creadora de efectos lumínicos. Na súa produción destaca a igrexa de San Carlo alle Quattro Fontane, iniciada en 1638, de planta ovada e cunha fachada na que alternan as formas cóncavas e convexas. Construíu o oratorio, a biblioteca e o convento dos Filipenses ou Chiesa Nuova (1637 e 1643); reconstruíu San Giovanni in Laterano (1647-1649); realizou a igrexa de Sant’Ivo della Sapienza (1642-1650); proxectou o convento de Santa Maria dei Sette Dolori (1652) e fíxose cargo das obras da igrexa de Sant’Agnese na Piazza Navona (1653). As súas últimas obras foron o Collegio di Propaganda Fide (1662), o palacio do banco do Santo Spirito e a fachada do convento dos trinitarios.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Bissone

  • Deceso

    Lugar : Roma