Castelló de la Plana
Capital da provincia de Castelló de la Plana, Comunitat Valenciana, situada na comarca de La Plana Alta (135.729 h [1996]). Esténdese entre o mar e os últimos contrafortes do Sistema Ibérico. A parte interior do termo é montañosa aínda que cara á costa se estende unha enorme chaira, limitada ao N pola chegada da serra de Oropesa ao mar e, ao S, polo delta do río Mijares. Un posible movemento de submersión do litoral determinou a existencia dunha zona pantanosa ao longo da costa, separada do mar por unha franxa de dunas. Neste lugar hai arrozais, pero en regresión por mor da drenaxe do terreo que se está a converter en terra de horta. O 77% da superficie municipal está cultivada e nela predomina claramente o regadío, sector que xunto co da pesca conforma a súa base económica. Ademais das industrias tradicionais de cerámicas e de tecidos, destaca a construción mecánica e a industria química, así como o desenvolvemento do turismo. O núcleo urbano concentra o 90% da poboación municipal. En época islámica existiu un castelo e un pequeno núcleo de poboación no outeiro da Magdalena, onde tamén hai vestixios ibéricos. En 1233 Xaime I conquistou esta poboación e en 1251 autorizou o traslado a La Plana. Foi un dos centros da revolta da Unión contra Pedro IV. No s XVI iniciouse unha época de expansión demográfica, agrícola e comercial. Durante o s XVIII o crecemento da vila vinculouse ao cultivo do cánabo e á produción de seda, sen embargo, estas actividades non produciron un desenvolvemento industrial no s XIX. A cidade foi un dos núcleos do nacionalismo valenciano. Como principais monumentos destacan a igrexa maior de Santa María, actual catedral, obra de inicios do s XV, que se destruíu durante a Guerra Civil e se restaurou posteriormente, e a casa da cidade, construída entre 1689 e 1716. O museo de Belles Arts conserva retablos góticos e pinturas, entre outras, de Ribalta.