Castelo Agra, Miguel Anxo
Xornalista e cineasta. Licenciouse en Ciencias da Información na especialidade de Imaxe. Formou parte do grupo que, a partir dos anos setenta, creou un espazo propio para a imaxe animada galega desde diversos eidos: produción, realización, análise e divulgación. Compaxinou a súa actividade como crítico cinematográfico e teatral coas súas realizacións para cine, televisión e vídeo. En 1979 fundou Rula Difusora Cultural Galega, unha das primeiras tentativas para crear unha distribuidora de cine galego. Interveu en diversas curtametraxes como foto-fixa, entre eles, A tola (1974), de Miguel Gato, e Fendetestas (1975), de Antonio F. Simón; na produción Illa (1976), de Carlos L. Piñeiro, e O herdeiro (1976), de Miguel Gato. Estreouse como director con O pai de Migueliño (1977), un relato fílmico de carácter evocador sobre o tema da emigración que foi galardoado con varios premios. Durante a década dos oitenta foi un dos fundadores da produtora Vídeo Trama (1983), dirixiu para TVE o primeiro programa dedicado ao cine de Galicia, Do cinema galego (1984), e colaborou en diversos espacios da TVG. En 1991 realizou unha mediometraxe en clave esperpéntica titulada Macana de dote, ché e, ao ano seguinte, a curtametraxe O desexo, adaptación fílmica do conto de Rafael Dieste “O vello que quería ver o tren”.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Freás de Eiras, Ramirás