Castillo Barrero, María Teresa del
Soprano. Estudiou no Conservatorio Superior de Música de Madrid e na Escuela Superior de Canto e foi discípula de Mercedes García López, Rosa Fernández e Teresa Tourné. Ingresou no coro de RTVE e na Agrupación Lírica Julián Gayarre. En 1973 trasladouse á Coruña e exerceu a docencia no Conservatorio de Música de Santiago de Compostela. Participou decisivamente na recuperación e difusión da obra de compositores galegos: estreou o Réquiem de Melchor López, as Seis baladas, a Misa de Réquiem e o Te Deum de Xoán Montes. No seu repertorio destaca a estrea mundial da Cantata para soprano y trío de Carmelo Bernaola e a súa interpretación da obra de Joaquín Rodrigo sobre textos de Rosalía de Castro. Como solista actuou en Europa e Hispanoamérica con obras da lírica española e de ópera, así como oratorios e pezas do repertorio sinfónico-vocal. Ademais de realizar gravacións para RTVG e RNE, editou Canciones, con obras de Marcial del Adalid e Andrés Gaos; A melodía galega na Belle Époque, recompilación de Xosé Baldomir e Xosé Castro Chané; e Siete canciones populares españolas, de Manuel de Falla, en versión orquestral. Dende 1978 é membro directivo da Asociación Amigos de la Ópera da Coruña e, dende 1997, da Sociedad Filarmónica da Coruña.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Alcalá de Henares