Castillo Casalderrey, Jorge
Artista plástico. Trasladouse coa súa familia a Bos Aires e estudiou na Escuela de Bellas Artes, onde contactou co surrealista Raquel Forner e coñeceu a Laxeiro, Colmeiro e Seoane. En 1956 volveu a España e publicou unha serie de poemas na revista Índice. Coñeceu a galerista Juana Mordó e presentou os seus debuxos na Galería Biosca que esta dirixía. En 1959 celebrou a súa primeira exposición individual na Galería Altamira, ano no que comezaron as súas mostras por todo o mundo. Dende 1982 represéntao a galería Malborough de Nova York, onde instalou o seu estudio. A súa proposta artística reflicte unha certa figuración e un realismo, imbricado na súa propia imaxinación, que converte os seus cadros en metáforas onde mestura a realidade e o soño; deste xeito, crea un eclecticismo que parte dun autodidactismo literario, enriquecido polo coñecemento dos clásicos europeos como Goya, Friedrich e Picasso, ou correntes como o cubismo e o surrealismo. Como gravador iniciouse en 1962 cando coñeceu a Dimitri Papageorgiu e comezou a realizar augafortes. En 1966 gravou as litografías tituladas Palomares, antesala do óleo Tríptico de Palomares (1967), presentado na Dokumenta de Kassel de 1968. Entre os seus gravados destaca a serie Grandes Amantes (1973). Estivo vinculado ao Centre Genévois de Gravure Comtemporaine. Participou en grandes mostras internacionais como as Bienais de São Paulo e Toquio e a Internacional Der Zichnung (1964), onde recibiu o Premio Darmstadt. En 1988 a Bienal de Pontevedra dedicoulle unha das súas salas. A súa obra está representada en multitude de museos e en institucións internacionais.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Pontevedra