castiñeiro
(< castaña)
-
[PLANTA]
-
s
m
Árbore do xénero Castanea, da familia das fagáceas, propia das rexións temperadas do hemisferio Norte, que se caracteriza por producir froitos comestibles, as castañas. As árbores, como o Aesculus hippocastanum, que teñen sementes semellantes, tamén se denominan castiñeiros.
-
castiñeiro americano
Nome que reciben as especies Castanea dentata e Castanea pumila, propias de áreas de montaña dos Apalaches, na costa oriental dos EE UU.
-
castiñeiro asiático
Nome que reciben as especies Castanea crenata, de Xapón, Corea e China Nororiental; Castanea mollisima, de China oriental e meridional; e Castanea henryi, da conca do río Iang-Tsé en China.
-
castiñeiro común [Castanea sativa, Fam das fagáceas]
Árbore corpulenta e frondosa, que pode acadar unha altura de 30 m. As follas caducas son grandes, lanceoladas, fortemente dentadas, glabras, lustrosas e coriáceas. As flores masculinas dispóñense en amentos e as femininas, en número de 1 a 3, sitúanse no medio dun involucro de brácteas soldadas. Os seus froitos, as castañas, reúnense en grupos de tres como máximo dentro dun ourizo coriáceo e espiñento. Vive en terreos profundos, ricos en materia orgánica e pouco arxilosos. O castiñeiro constitúe en Galicia unha especie autóctona, aínda que o seu cultivo se promoveu coa entrada en Galicia dos romanos no s I a C, que, á vez que traían variedades procedentes dos Balcáns e de Oriente Medio, introduciron novas técnicas de aproveitamento e cultivo, como muíños especiais, secado dos froitos e ordenación das plantacións. Estas melloras converteron o castiñeiro nunha árbore primordial dentro da economía familiar, de feito chegouse a denominar árbore do pan. Nos foros recóllese, mesmo, a súa presenza como produto para o pagamento de rendas ou décimos. O proceso de asentamento de colonos galegos cristiáns nos territorios peninsulares fixo que o seu cultivo se espallase cara ao sur. Entre os seus aproveitamentos, ademais do dos froitos -alimento dos humanos e do gando- destaca o uso da madeira para a ebanistería, a construción e para leña. Os ourizos tamén se empregaron para o lume e as follas como cama para o gando nas cortes. A venda da castaña constitúe aínda unha das fontes de ingresos da economía labrega. A enfermidade máis grave que lle afecta ao castiñeiro e que acabou coa maioría dos soutos europeos é a tinta, producida polo fungo Phytophtora cambivora. Para previla, a maioría dos castiñeiros que se plantan son produto da hibridación das distintas especies que desta árbore se coñecen, para obter plantas que presenten resistencia ás enfermidades e mellores características de produción.
Sinónimos: castiro. -
castiñeiro da India [Aesculus hippocastanum, Fam das hipocastanáceas]
Árbore de ata 25 m de altura, de copa densa. Ten follas caducas palmicompostas. As flores, brancas e lixeiramente tinguidas de amarelo e vermello, están dispostas en panículas piramidais. Os froitos ábrense por tres valvas e conteñen 1 ou 2 sementes semellantes ás castañas, con acción antiinflamatoria. A madeira é pouco apreciada e unicamente serve para leña e para a elaboración de caixas. Natural da Península Balcánica, plántase a miúdo como árbore ornamental e de sombra en Galicia.
-
s
m
-
extracto de castiñeiro
[IND]
Extracto acuoso da madeira e da cortiza do castiñeiro, moi empregado para o adobe de peles.