Castrelos, Santa María de

Castrelos, Santa María de

Igrexa parroquial situada en Vigo. Datada nas primeiras décadas do s XII, conserva unha inscrición do ano 1216 no interior. Pertenceu á encomenda de Beade da orde de san Xoán de Malta. Ten unha única nave e unha ábsida semicircular na cabeceira; a cuberta da nave é de madeira a dúas augas e a ábsida cóbrese con bóveda de canón no treito recto e de cuarto de esfera no semicircular. O exterior da ábsida presenta tres óculos ornamentados con axadrezados e flores de seis pétalos. Estes motivos están presentes na decoración das portas de arco apuntado das tres fachadas do templo, mentres que nos tímpanos o motivo decorativo é a cruz de Malta. As tres portadas son abucinadas e caracterízanse por ter os tímpanos decorados polas dúas caras, as arquivoltas apuntadas e dobradas, e con rosetas de seis pétalos como motivo ornamental básico, que se repiten no arco triunfal e no interior das ventás laterais da nave. A fachada principal ten unha ventá semicircular con seteira interior e remata nunha espadana de dous vans que se engadiu posteriormente. No interior destacan as pinturas murais que representan, por unha banda a imaxe de Cristo en Maxestade e a Misa de san Gregorio, de finais do s XIV, e pola outra as escenas da Visitación da Virxe e da Adoración dos Reis Magos de finais do s XV.