castrexo -xa

castrexo -xa

(< castro)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos castros e á cultura dos seus habitantes.

    Ex: Interésalle moito a cerámica castrexa.

  2. cultura castrexa

    Cultura arqueolóxica que tivo o seu esplendor durante os últimos séculos antes de Cristo no territorio noroccidental da Península Ibérica e que recibe o nome do seu asentamento característico: o castro. Malia que a historiografía tradicional a asociou coa chegada de continxentes étnicos foráneos de filiación céltica, as modernas correntes de investigación arqueolóxica resaltan a súa condición de fenómeno autóctono e peculiar desta área xeográfica.

    Antecedentes da cultura castrexa
    A investigación arqueolóxica apunta a que a finais do Bronce, durante a transición entre o II e o I milenio a C, sobre todo a partir do s X a C, a área galaica, nun proceso relativamente semellante ao que se observou no resto da fachada atlántica europea, iniciou unha fase de clara intensificación económica e de contactos co exterior. No transcurso desta fase superouse o nivel que se acadara na etapa anterior de crecemento, a que máis ou menos mil anos antes se desenvolvera en coincidencia cos primeiros tempos da metalurxia. Este proceso, identificado cunha “Terceira Revolución Agraria”, foi posible grazas á introdución de novos cultivos e ao emprego dunha tecnoloxía agrícola moito máis axeitada (barbeito, fertilización e emprego dun arado de tracción animal) que permitiu a explotación de novos e máis produtivos territorios, onde se situaron a maior parte dos asentamentos humanos no Bronce final. Todo iso supuxo un claro incremento na extensión dos terreos potencialmente cultivables e a obtención de maiores, mellores e máis diversas colleitas, o que permitiu o sustento dunha poboación cada vez máis numerosa. Por mor diso, recuperouse a tendencia ao sedentarismo das comunidades campesiñas, unha maior presión sobre a terra cultivable e o conseguinte reforzamento da diferenciación social debido á necesaria especialización laboral e á reaparición das elites sustentadas sobre o coñecemento ritual e sobre o control do traballo do solo e dos excedentes de produción e dos crecentes intercambios. Neste sentido, as relacións de intercambio con outras comunidades atlánticas e co Mediterráneo fixéronse cada vez máis frecuentes. A expansión occidental dos grupos continentais de campos de urnas e, sobre todo, a demanda mediterránea de materias primas -preferentemente o estaño-, favoreceron a aparición, ao longo da fachada atlántica europea, de toda unha serie de focos culturais (entre os que cómpre salientar o galaico) interconectados segundo un modelo que se definiu como de “relacións entre sistemas políticos semellantes”, condicionados tanto polo carácter de produtores dos bens de consumo intercambiados como pola posición estratéxica que ocupasen na redistribución das mercadorías. Posiblemente estes circuítos atlánticos non só conectaron entre si as diferentes áreas da Europa oceánica, senón que tamén se relacionaron co mundo mediterráneo, moito máis desenvolvido. Moitos produtos atlánticos chegaron ao Mediterráneo central, de onde se recibiron non só mercadorías concretas, senón tamén: información e coñecemento. Moitas novidades de carácter tecnolóxico e ideolóxico, de clara filiación mediterránea, chegaron por estas datas a terras galaicas: novos cultivos, coñecementos tecnolóxicos, formas de diferenciación social, modelos de armamentos, formas de vestido e de adorno persoal, tipos de transporte ou formas de exhibición do poder, que se asimilaron en maior ou menor grao polas cada vez máis destacadas elites sociais. Xunto a estas innovacións, parece moi probable que unha parte substancial dos trazos lingüísticos e ideolóxicos de filiación indoeuropea detectables na área galaica se introducisen durante esta etapa de apertura ao exterior. Este substrato indoeuropeo arcaico coñécese principalmente pola presenza dos restos dunha lingua, anterior ás denominadas linguas célticas clásicas e que os lingüistas denominan co nome de lusitano ou galaico-lusitano.

    A disolución das relacións atlánticas e a orixe do mundo castrexo

    O colapso da economía atlántica baseada no bronce, que provocou a disolución das antigas relacións de intercambio e o paso a un mundo máis illado e fragmentado, ten a súa orixe na introdución do ferro na Península Ibérica a partir do s VIII a C e no control por parte dos fenicios dos tradicionais mecanismos atlánticos de intercambio. Dende ese momento, os diferentes focos atlánticos evolucionaron de xeito independente, practicamente sen contactos. No foco galaico, a definitiva fixación da poboación ao territorio xerou certo grao de conflitividade social, dentro e fóra de cada comunidade, debido á progresiva presión sobre os terreos de cultivo e ao reforzamento da desigualdade social. Neste sentido, o réxime sedentario contribuíu a que o poder emanase da posesión da terra, do control dos medios básicos de produción e dos excedentes, polo que se trata dun proceso de desenvolvemento claramente endóxeno, sen referencia directa fóra destes límites territoriais, aínda que permaneceu aberto e receptivo aos estímulos externos. Por último, contra a interpretación tradicional que algúns autores modernos insisten en reconstruír, que defendía unha sociedade de guerreiros na base da cultura castrexa, as tensións sociais deben ser explicadas polas anteditas transformacións socioeconómicas.

    A secuencia cultural do mundo castrexo

    Debido aos escasos datos contrastados dispoñibles, ás particularidades rexionais e á duración do proceso, é difícil propoñer unha secuencia cultural válida para todo o territorio galaico, aínda que a nivel teórico, investigadores como Antonio de la Peña Santos propoñen unha periodización imprecisa de límites cronolóxicos: fase de formación, dende o s XI a C ata o s V a C; fase de desenvolvemento, dende o s V a C ata mediados do s II a C; fase castrexo-romana, dende mediados do s II a C ata mediados do s I d C; e fase galaico-romana, dende finais do s I d C ata o seu esmorecemento nos ss III e IV d C.
    Fase de formación
    No inicio do I milenio a C comezou un lento proceso de sedentarización das comunidades campesiñas, ligado nas súas orixes á transición climática (suboreal-subatlántico), ao desenvolvemento da complexidade social e á intensificación agraria (relacionada coa adopción do cultivo do millo miúdo, que permitiu o cultivo de cereais de inverno e de primavera), que penetrou no territorio galaico dende o sur cara ao norte e dende a costa cara ao interior. Para a localización dos seus primeiros poboados estables, estas comunidades de campesiños elixiron un lugar estratéxico característico, as lombas situadas na metade da ladeira, pola inmediatez dos terreos de explotación preferente e cun moi bo control visual dos mesmos. A elección dun terreo destas características parece estar condicionada, entre outros factores, pola presenza tamén de solos moi aptos para cultivos básicos. Os datos dispoñibles poñen de manifesto a presencia, xunto ás evidencias de cultivos agrícolas e da recolección de landras, dun armentío composto de cabras, ovellas, porcos e vacas, que en liñas xerais se mantivo durante toda a época castrexa. O feito de que para a construción dos poboados castrexos se escollese un lugar preeminente, de doada defensa, e se rodease de elementos protectores -murallas, fosos, terrapléns, etc-, non significa que os castros fosen o produto contrutivo dunha sociedade de carácter guerreiro; sen pasar por alto a existencia de tensións entre as diferentes comunidades, é máis lóxico pensar que as estruturas de carácter defensivo, características do mundo castrexo, cumprían outras funcións como a de contrarrestar as posibles tendencias disgregadoras do grupo que ocupaba o poboado, converter os poboados en elementos visibles na paisaxe e en marcas territoriais perante outras comunidades veciñas, actuar como elementos definidores do status do grupo ou marcar o límite entre o salvaxe e o perigoso (exterior) fronte ao doméstico e a seguridade (interior). Tampouco existen datos arqueolóxicos doutro tipo que acrediten a presenza de tensións bélicas nin dun compoñente guerreiro no seo da sociedade castrexa na fase de formación; ben ao contrario, outros argumentos reforzan a impresión de que se trataba dun modelo social aínda pouco complexo. A dispersión dos poboados coñecidos para esta fase non parece que levase ás comunidades que os integraban a unha excesiva competitividade polo acceso aos recursos do medio natural. Ademais, se se ten en conta as dimensións mínimas dos poboados e a case total ausencia de armas no rexistro arqueolóxico dos castros desta fase -ausencia aínda máis notoria nas fases seguintes-, débese concluír que falar de tensións bélicas e compoñentes guerreiros na sociedade castrexa é un artificio literario. Fronte a esa interpretación belicista do mundo castrexo, autores como Antonio de la Peña Santos, Xulio Carballo Arceo e, en xeral, os membros da denominada corrente “pacifista”, sosteñen a partir de datos obxectivos, que a sociedade castrexa na súa fase de formación estaba relativamente estruturada, organizada en minúsculas comunidades campesiñas moi próximas á autarquía e bastante pechadas sobre si mesmas. Así mesmo, nos primeiros tempos e seguramente ata varios séculos despois, estes primitivos castros coexistiron con outros poboados abertos, que pertencían ao modelo máis arcaico e tradicional da economía itinerante, por mor da lentitude na adopción e xeneralización do sedentarismo castrexo. No que respecta á arquitectura, a visión evolucionista, que fixaba a aparición de muros de cachotería nos séculos próximos ao cambio de era, revisouse á luz dos novos datos ofrecidos polo rexistro arqueolóxico. Neste sentido, castros antigos da fase de formación, como o das Croas ou Torroso (Mos), dispoñen xa de estruturas domésticas edificadas con coidados muros de cachotería e algúns dos exemplos propostos como niveis antigos con materiais perecedoiros, poden ser niveis de obra xerados durante os traballos de habilitación do espacio, como resulta evidente no castro de Torroso. Independentemente da solución técnica adoptada, nestes castros aparece un elemento característico da arquitectura castrexa: o muro curvo para a arquitectura doméstica, un elemento tradicional da arquitectura prehistórica da área galaica. Outro elemento tradicional do espazo urbanístico é a articulación do espazo habitacional, sen muros medianeiros e sen contacto entre as diferentes cabanas. As primeiras manifestacións da cultura castrexa están na fase álxida do Bronce, cando, grazas á adopción de novidades de todo tipo chegadas do exterior (concretamente dende o Mediterráneo), a sociedade galaica iniciaba unha expansión caracterizada pola súa apertura e receptividade. Non obstante , a partir da caída en mans fenicias dos circuítos atlánticos de intercambio e das modificacións provocadas nas relacións exteriores e no modelo económico tradicional, dende o s VIII a C, o nacente fenómeno castrexo entrou nunha dinámica de relativo estancamento, que non impediu que se fosen xeneralizando pouco a pouco niveis tecnolóxicos que fixeron posible a progresiva e definitiva sedentarización das comunidades campesiñas do NO. Tamén se constata nesas datas un retroceso nas actividades metalúrxicas do bronce e un aumento considerable do emprego de chatarra reciclada para a fundición de obxectos tipoloxicamente propios da decadente metalurxia atlántica. Esta crise de abastecemento de materias primas, atribuíble á actividade comercial fenicia, provocou a introdución do ferro de procedencia fenicia, cada vez máis presente no rexistro arqueolóxico dos castros desta fase. Paralelamente a este proceso, xeneralizouse o novo modelo de ocupación territorial, inevitablemente vinculado ás novas estruturas socioeconómicas que emerxeron desta crise. O carácter pechado que os elementos de tipo defensivo confiren a estes poboados, as súas dimensións minúsculas e a forma tan illada en que se distribúen polo territorio, parecen pór de relevo unha estrutura económica case autárquica. As súas relacións espaciais a penas traspasaban o seu contorno inmediato, agás no relativo á provisión de minerais, metais ou algún tipo moi específico de pedra, necesaria para prácticas moi concretas. Tampouco existen, durante esta fase, evidencias dunha ocupación global do territorio nin de xerarquización entre os asentamentos, o que confería aos poboadores de cada castro unha certa independencia e sentido da territorialidade con respecto aos seus veciños, polo que, posiblemente, o castro se consolidou como a estrutura indíxena que organizaba socialmente as comunidades galaicas. Neste sentido, fronte ao modelo máis común na área indoeuropea peninsular -as gentilitates-, o castro foi o referente directo da orixe do individuo, como se pode constatar a partir dos castella documentados na epigrafía romana. En termos xerais, tratábase dunha sociedade segmentada e agrupada en pequenos poboados de campesiños que combinaban os cultivos dos cereais de inverno e primavera cun armentío complexo, unha pesca litoral artesanal, o marisqueo e a recolección de landras de carballo.
    Fase de desenvolvemento
    No s V a C, o modelo castrexo de asentamento (o castro) espallouse pola totalidade da área galaica, de límites controvertidos e, polo tanto, diferentes segundo os distintos autores. Non obstante , parece claro que o mundo castrexo galaico na súa máxima expansión se distribuía por unha área xeográfica moi uniforme, non só xeolóxica, xeomorfolóxica e climática, senón tamén dotada dunha tradición cultural común. Poucas veces se produce unha simbiose tan clara entre rexión natural e área cultural como na área galaica. Os límites propostos por Calo Lourido definen un territorio pechado entre o Océano Atlántico e a liña de serras que enlazan as desembocaduras do Navia (Asturias) e o Mondego (Portugal), apenas aberto cara ao exterior por uns poucos pasos naturais. Estase, polo tanto, diante dunha paisaxe que conduce ao illamento e á autarquía mentres as relacións marítimas non se restablecesen. Durante esta fase xeneralizouse no técnico e no formal a máis típica arquitectura habitacional; avanzouse nos aspectos tecnolóxicos da fabricación de cerámica co posible emprego do torno lento, introducíronse melloras na cocción e ampliouse e modificouse o repertorio formal e a temática decorativa das vasillas. Así mesmo, respecto á metalurxia, documéntase a aparición de novos tipos, entre eles algúns de fíbulas que acadaron o seu maior uso na fase seguinte. Sobre criterios estritamente tipolóxicos, algúns autores atribúen a esta época gran parte da ourivería castrexa, malia que a maioría das pezas coñecidas se atoparon descontextualizadas ou en niveis de datación máis recente, polo xeral atribuíbles á fase castrexo-romana. Por último, a historiografía celtista propón a chegada no transcurso desta fase de elementos étnicos de filiación céltica, feito que non está demostrado. A distribución espacial dos poboados mostra unha acentuación do carácter agrícola da sociedade castrexa nesta fase, xa que se iniciou unha tendencia cara á explotación dos fondos dos vales. Pouco tempo despois da súa formación, o mundo castrexo entrou de cheo nunha etapa de relativa desaceleración do ritmo de crecemento, como consecuencia última dos cambios xerais iniciados a finais do s VIII a C que, segundo algúns autores, supuxo unha involución no desenvolvemento da complexidade social dentro dunha fase de illamento. Non obstante , este illamento non pode entenderse como total, xa que a costa mantiña un certo dinamismo e recibía o efecto dos escasos contactos marítimos co exterior: a presenza de materiais de filiación mediterránea (cerámicas púnicas, áticas e greco-itálicas, vidros, obxectos de ferro, etc) indican un certo mantemento das relacións de intercambio coas factorías fenicias do sur. Ademais, os datos paleontolóxicos e paleobotánicos documentan a continuación da agricultura e do armentío tradicionais; neste sentido, detéctase unha maior complexidade e intensificación da agricultura por todo o territorio castrexo, a través de indicios que apuntan ao aumento da deforestación e da erosión dos solos como efecto da actividade antrópica.
    Fase castrexo-romana
    Durante esta fase de gran desenvolvemento socioeconómico causado pola presenza romana, tanto a través de contactos esporádicos con comerciantes ou soldados como pola integración definitiva, as comunidades castrexas iniciaron unha serie de cambios que segundo a historiografía tradicional, que os considera como os máis peculiares e característicos desta cultura, configuran a súa imaxe típica. Non obstante , resulta difícil avaliar cántas e qué transformacións foron efecto da propia evolución natural das comunidades galaicas e cántas e cáles foron provocadas, directa ou indirectamente, polo mundo romano. Así, fronte ao mundo indíxena, xurdiu un mundo romano ou romanizado integrado por diferentes elementos, entre os que destacan os individuos chegados das comunidades limítrofes (celtiberos e lusitanos) como consecuencia da presión romana exercida sobre as súas áreas de orixe (a Meseta e o sur de Portugal), que deberon influír en certa medida nesas transformacións, aínda que o seu papel aínda non está estudiado. Neste sentido, os investigadores sosteñen que as comunidades castrexas estaban en pleno proceso de “celtiberización”, de paso a unha organización socio-política máis complexa que a conquista romana interrompeu. No rexistro arqueolóxico posterior ao s II a C detéctase a presencia progresiva de elementos que parecen indicar a entrada do mundo castrexo nunha fase de profundos cambios que, unha vez máis, comezan a manifestarse en primeiro lugar no sur e no litoral, que son as áreas máis abertas ao contacto co mundo romano e as que antes quedaron baixo o seu dominio. Así, este proceso desenvolveuse de acordo coa lenta e progresiva incorporación das terras litorais galaicas ao Imperio Romano, iniciada nun momento que vai dende a fin das guerras lusitanas ata a expedición de César, e que culmina en tempos de Augusto coa penetración no interior e a posterior integración “política”. As evidencias arqueolóxicas, ademais, confirman a inexistencia dunha verdadeira “conquista” (no sentido militar do termo) que era innecesaria, debido á fragmentación do poder político indíxena e á ausencia dunha verdadeira unidade e conciencia étnicas no mundo castrexo. A aparición nesta fase de grandes poboados con novas concepcións urbanísticas e considerables estruturas defensivas, que algúns autores designan co nome de oppida, revela a presenza dunha estrutura socioeconómica moi desenvolvida, capaz de promover e soportar grandes obras públicas e “lugares centrais” xerarquizadores do territorio, e inmersa nun fenómeno de integración política do que serían fiel reflexo os populi (‘pobos’) que revelan as fontes clásicas, sobre todo Plinio, Ptolomeo e Estrabón. En tanto que a organización social castrexa non atentaba nin contra as leis nin contra as normas romanas, esta viuse favorecida, ou cando menos non obstaculizada, por Roma. De feito, trala absorción definitiva e ata as reformas flavias, sobreviviron e reforzáronse todos os elementos “políticos” castrexos, agás a independencia. O xurdimento dos grandes poboados e a aparición de pequenos castros, xunto coa ampliación dalgúns que sobreviviron de fases anteriores, reflicte un crecemento demográfico ou unha redistribución dunha gran masa de poboación da que se descoñece a súa procedencia inmediata. Así mesmo, a sistemática explotación dos recursos agrarios maniféstase na planificada distribución de multitude de pequenos castros xunto ás mellores terras de cultivo, preferentemente de val, e nas análises paleocolóxicas, que mostran a importancia crecente da actividade agrícola, segundo un sistema de explotación do medio natural moi próximo ao que se considera tradicional en Galicia. As análises espaciais revelan, durante os primeiros tempos do dominio romano, unha ordenación territorial absolutamente racional, planificada e enfocada á perfecta explotación dos recursos que non sería explicable sen a influencia directa de Roma, que introduciu novos cultivos, aparellos e técnicas. Ao redor da terra, que ao ser considerada ager publicus non podía ser propiedade dos indíxenas, aínda que a traballaban igual que antes da conquista pero arrendada a través de gobernos locais, desenvolvéronse unha serie de novas relacións sociais que determinaron a fixación ao poder das elites indíxenas locais colaboradoras co estado romano. Estas elites (homes en todos os casos coñecidos), potenciadas polos romanos como elemento de control, colaboraron cos conquistadores e recibiron a cambio maiores ou menores prebendas, de xeito que acrecentaron o seu poder sobre os membros da súa comunidade. As comunidades, daquela, comezaron a actuar como “clientes” do estado romano e crearon uns vínculos de dependencia dos que son fiel reflexo os pactos de hospitalidade. É precisamente neste contexto socioeconómico onde se poden integrar elementos de prestixio como a típica ourivería castrexa, a plástica en pedra ou mesmo o casco de bronce do tipo Montefortino, localizado no N de Portugal. A pacificación xeral, o desenvolvemento das forzas produtivas e das relacións comerciais a curta, media e longa distancia (primeiro por vía marítima e axiña por vía terrestre), o crecemento económico, a alza demográfica e o desenvolvemento social, son algúns dos factores que fan desta etapa a máis dinámica de toda a cultura castrexa; sen embargo, malia a identificación destes factores coa esencia do mundo castrexo, todas estas manifestacións obedecen a “unha man xestora a grande escala que puxo en marcha unha articulación do poboamento e da explotación dos recursos de acordo cuns intereses, que xa non coincidían cos das comunidades locais e que xerou cambios radicais, aparentemente ocultos polos trazos de continuidade da cultura material analizada dende unha perspectiva obxectual”, como indicou Gerardo Pereira. Neste sentido, elementos do rexistro arqueolóxico castrexo tan coñecidos como a plástica en pedra, a ourivería, os puñais de antenas, os elementos de adorno máis frecuentes, etc, non poden ser desligados desta fase sen caer na especulación aínda que teñan unha orixe anterior. O desenvolvemento urbanístico desta fase tamén é revelador da influencia romana. A organización interna de moitos poboados en “unidades familiares” pechadas, formadas por dúas ou tres vivendas cos seus correspondentes almacéns e un espazo común entre elas, documenta a penetración na sociedade castrexa de referentes sociais máis meridionais ca atlánticos. Así mesmo, a construción no transcurso desta fase de complexos sistemas defensivos é unha proba da alianza que existía entre o pobo galaico e Roma, que non consentiría esas manifestacións se se tratase dun pobo sometido. De novo, a adopción de todas estas novidades faise dende o sur e o litoral, con diferencias notables entre os conventos xurídicos bracarense (ó sur) e lucense (ó norte). A complexidade desta fase de claro “apoxeo” do mundo castrexo levou a moitos autores a interpretar que a conquista romana cernou o desenvolvemento da sociedade galaica cara a formas sociais máis complexas; sen embargo, quizais esta ruptura só se produciu trala extensión do ius latii (74 d C) á Península Ibérica, xa que foi nos primeiros momentos do dominio romano cando máis se desenvolveron as estruturas socioeconómicas e políticas (agás a independencia) galaicas. En canto ao mito historiográfico que fai desta fase un momento álxido do celtismo, cómpre subliñar que o tradicional substrato indoeuropeo das comunidades castrexas, posiblemente enriquecido pola chegada de determinados compoñentes humanos procedentes de áreas “celtizadas” da Península e por membros do exército romano, ademais dos colonos, comerciantes, etc, procedentes das diversas áreas do mundo romano, podería explicar a presenza de trazos “célticos” na toponimia, teonimia e antroponimia deste período, como teñen defendido, entre outros autores, Gerardo Pereira e Antonio de la Peña Santos.
    Fase galaico-romana
    As reformas administrativas da época flavia, de xeito primordial a concesión do ius latii, seguramente contribuíron, xunto cos profundos cambios nos aspectos económicos e políticos, á culminación dun proceso de desestruturación do mundo castrexo e á súa substitución pola organización socio-política galaico-romana. Un trazo evidente do cambio foi o abandono da inmensa maioría dos poboados castrexos, en beneficio dun sistema de explotación do territorio de novo modelo: as villae. A área occidental da actual Asturias constitúe un fenómeno á parte pois, ademais das dificultades de todo tipo que aínda se manifestan para definir unha etapa castrexa prerromana, detéctase un claro esplendor dos castros (Coaña) durante a segunda metade do s I d C e grandes ampliacións e modificacións urbanísticas durante a dinastía flavia. Neste sentido, as probas arqueolóxicas apuntan a que neste territorio se desenvolveu un proceso diametralmente oposto ao que se pode apreciar na área castrexa meridional, concretamente no convento xurídico bracarense. Este feito, xunto coa segura vinculación dun bo número de castros a traballos de explotación mineira e certos detalles urbanísticos, indicarían a chegada de compoñentes de poboación dende a área meridional castrexa para o traballo das minas. Un bo número de castros mineiros e certos pequenos castros agrícolas en pleno val constitúen os últimos referentes dun modelo de asentamento e de estrutura social que vai desaparecer cos novos tempos. Aínda que existe unha clara continuidade na explotación do espazo económico, as curutas de determinados poboados de claras condicións xeoestratéxicas continúen minimamente ocupadas, e en momentos de perigo se reocupen certos castros vellos ou se edifiquen outros como o de Viladonga, a romanización transformou ou rematou coa cultura castrexa.

  3. arte castrexa

    Manifestacións artísticas características da cultura castrexa, sobre todo na escultura e na ourivería.
    Escultura

    A maioría das pezas escultóricas conservadas pertencen ás fases castrexo-romana e galaico-romana, datadas a partir do s I d C. Dado que a maioría destas pezas non teñen unha datación moi concreta, as liñas de investigación das mesmas afirman que ben poderían ser producións indíxenas ou ben una interpretación da arte romana. Pódense dividir en representacións antropomórficas -guerreiros e cabezas-, zoomórficas e motivos decorativos. Os guerreiros son figuras de vulto redondo representadas de xeito hiératico en posición de parada que tiveron distintas interpretacións, dende estatuas funerarias ata heroes locais, pasando por deuses ou estatuas votivas. Entre os guerreiros conservados destacan os de Armeá, Monte Mozinho, Lesenho e Santa Comba de Basto. As cabezas antropomórficas, como as de Armeá, Cores ou Barán, non teñen unha interpretación concreta; poden representar a deuses sen corpo, como cabezas-trofeo ou ser retratos funerarios. Ademais, en Lanhoso e Xinzo de Limia, acháronse tres figuras de vulto redondo sedentes, das que non se conservan as cabezas, e que puideron representar a deusas nais ou considerarse como retratos oferentes. As esculturas zoomórficas atopadas nos castros do NO peninsular relacionáronse cos verróns atopados en terras da Meseta, se ben no territorio galego escasean os exemplares. Parece ser que estas figuras tiveron unha función máxica ou relixiosa relacionada coa gandería. En Paderne, Santa Tegra e Sabroso atopáronse cabezas de animais como cans, cabras, touros ou ovellas que puideron ter unha función profiláctica e estar situadas en recintos pecuarios, pero ao non achalas in situ non se pode validar ou refutar esta hipótese. Existen unha serie de pezas de carácter ornamental doutros lugares, como os castros de Santa Tegra, Castromao e San Cibrao de Las, que se situaban nos linteis ou nas portas dos castros; reproducen motivos semellantes aos das pezas de ourivería, en xeral xeométricos, e puideron ter unha función relixiosa ou apotropaica, ou ben servir para amarrar o gando ás portas das vivendas. Unha decoración semellante localízase nas chamadas pedras fermosas, situadas nas construcións con forno e caracterizadas pola profusión dos motivos decorativos.
    Ourivería
    É unha das manifestacións máis relevantes da cultura castrexa, tanto pola variedade da tipoloxía, como polas técnicas empregadas. Relaciónase coa ourivería da Europa continental e coa do sur da Península. Empregouse fundamentalmente o ouro debido ao gran número de xacementos auríferos explotados. As pezas máis características son os torques, colares ríxidos que se curvan sen chegarse a pechar e que rematan nos extremos en formas variadas. Entre os atopados destacan os de Burela, Santa Tegra e Viladonga. As arracadas son pezas en forma de pendente colgante e sobresaen as de Recouso, Vilar de Santos, O Irixo, Burela e Baroña. Outras pezas salientables son as braceiras, que se colocaban no brazo, no antebrazo ou no pulso; os colares formados por doas de ouro ou de material lítico ou vítreo; os amuletos, con forma de dobre machada; as diademas ou cintas metálicas decoradas con distintos motivos, como a do tesouro de Bedoia; e as lúnulas ou colgantes en forma de media lúa. Entre as pezas feitas en bronce destacan os catro capacetes ou cascos atopados en Caldelas de Tui, Lanhoso e Castelo de Neiva, datados no s I a C.

  4. cerámica castrexa

    A cerámica constitúe o maior número de achados nas escavacións dos castros. Un dos seus aspectos máis representativos é o gran contido de mica como elemento desengraxante. A tipoloxía é moi variada: vasos, pratos, cazolas, coadores, cántaros, ánforas, etc. A decoración acada diversas formas: meandros, formas en dobre s concatenadas, zigzags, retículas, triángulos, etc, que poden elaborarse por medio da incisión ou do estampado. Durante a fase de formación da cultura castrexa (ss XI a C-s V a C) a cerámica facíase a man e as superficies resultaban pouco coidadas; os escasos elementos decorativos reducíanse a motivos xeométricos, como triángulos ou axadrezados. Os exemplos máis representativos pertencen ao castro de Torroso (Mos). A partir do s V a C comezouse a empregar o torno, os acabados realizáronse por alisado ou brunido e predominaron os motivos decorativos curvilíneos; é o caso das pezas atopadas nos castros de Toralla, das Cíes e de Santa Tegra. Estes mesmos castros representan a fase de esplendor da cerámica castrexa no cambio de era. Nos ss I a C e I d C produciuse unha cerámica caracterizada pola profusión de motivos decorativos e polo reforzamento dos bordos das vasillas, que aparecen decorados con sucos verticais.