Castro Canseco, Francisco
Arquitecto, entallador e escultor. Semella que se formou en Santiago de Compostela con Domingo Antonio de Andrade, aínda que cara ao 1675 estivo en Salamanca, no obradoiro do entallador valisoletano Juan Fernández. Regresou a Galicia en 1688. Para o convento do Sancti Spiritus de Melide fabricou o seu retablo maior (1690?) e probablemente tamén o desaparecido de santo Antón. Entallou varios paneis para o cadeirado do coro do mosteiro de Santa María de Sobrado (1693). Cara ao 1695 entrou ao servizo do mosteiro de Celanova para o que fabricou o seu monumental retablo maior (1697), os colaterais da Nosa Señora e do Santísimo Sacramento (1714), a desaparecida caixa do órgano (1710) e o seu cadeirado do coro (1713). Desde 1695 foi mestre de obras da catedral de Ourense para a que trazou e entallou o retablo de san Miguel (1714), san Eloi, san Xoán e san Roque; as caixas dos seus órganos (1709), hoxe desaparecidas; e realizou, entre 1695 e 1703, a decoración do baldaquino da capela do Santo Cristo. En 1718 engadiu á capela maior os retablos destinados a acoller as reliquias de san Facundo, san Primitivo e santa Eufemia, e en 1721 realizou o da capela da Resurreción. Fóra da catedral fabricou en 1716 dous retablos colaterais para a freguesía de Santa María de Ermesende, seguindo trazas alleas, e un dos retablos colaterais da igrexa da Trindade de Ourense. Traballou tamén para a orde de San Domingos e entallou (1708-1709) para a súa igrexa de Ourense o retablo maior e os das confrarías do Rosario e de san Xacinto. Probablemente concluíu as obras deste templo ao engadir a tribuna do coro. En 1712 traballou no desaparecido retablo maior dos dominicanos de Ribadavia. Atribúenselle os retablos da capela do Santo Cristo do mosteiro de San Clodio e o da Oración no Orto, conservado na sancristía da igrexa de Santa María de Moreiras (Toén). Fóra de Ourense, en 1699, encargóuselle o cadeirado de coro da catedral de Tui, que decorou con escenas da vida e milagres de san Pedro Telmo. Entre 1714 e 1716, realizou o retablo maior da igrexa do mosteiro de San Paio de Santiago de Compostela. Os seus retablos caracterízanse polo emprego das columnas salomónicas de orde xigante, a estrutura subordinada á rúa central, un acusado movemento en planta, os áticos adaptados ás bóvedas e unha decoración profusa na que abundan grandes lazos vexetais. Como arquitecto reedificou a casa consistorial de Ourense (1697), substituída en 1881 polo actual edificio. Traballou na fachada do mosteiro de Santa María de Oseira (1704-1706), na que traspasou á pedra moitos dos criterios estruturais e decorativos empregados nos retablos. É probable que trazase, entre 1727 e 1739, as fachadas principal e oeste da igrexa de Santa María a Real de Entrimo. O principal continuador da súa escola foi o entallador Benito Rodríguez Muxica.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Valderas, León -
Deceso
Lugar : Ourense