Castro Fernández, Xosé Antón

Castro Fernández, Xosé Antón

Historiador e crítico de arte. Licenciouse en Historia da Arte e en Arqueoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e doutorouse en Historia da Arte pola Universidad Complutense de Madrid. Cursou estudios de literatura francesa na Sorbonne de París e de arte contemporánea no Metropolitan Museum e no MOMA de Nova York. Foi profesor do Liceo Internacional de París (1985-1991), responsable das edicións de 1982, 1983 e 1986 da Bienal de Arte de Pontevedra, director da sección de Artes Plásticas da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia (1984), conservador do Centro Galego de Arte Contemporánea (1994-1995) e profesor de historia da arte contemporánea na facultade de Belas Artes e de movementos artísticos contemporáneos na facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigo. Realizou o comisariado de distintas exposicións de arte na maioría das cidades de Galicia, como a Illa das Esculturas (Pontevedra, 1999), e en Madrid, Barcelona, València, Lisboa e París. Participou en numerosas conferencias e congresos en Galicia, España, Portugal, Alemaña e Francia, como L’art espagnol au XXème siècle e Rédeploiment des identités nationales en Espagne après le franquisme (1989), celebrado no centro Georges Pompidou en París. Como crítico de arte publicou, desde 1978, diversos artigos na prensa e en revistas especializadas como Lápiz, Coloquio Artes, Beaux-Arts, Artension, Flash Art e Contemporánea. Escribiu, entre outras obras, Expresión Atlántica. A arte galega dos 80 (1984), Laxeiro (1985), Historia da pintura galega do século XX (1900-1951) (1985), París, bien sûr (1989), Renovación e avangarda en Galicia (1982), Transformaciones. Pintura Española de los 80 (1983), Colmeiro (1992) e Arte e Nacionalismo (1992). Participou na redacción da parte española do Ditionanaire d’Art Contemporain (1991). Foi membro do relatorio de Artes Plásticas do Consello da Cultura Galega e da Asociación Internacional de Críticos de Arte (AICA) na sección francesa. En 1996 recibiu o premio no apartado de ensaio dos Premios da Crítica de Galicia por As mazás de Yoko Ono (1995).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Muxía