Castro González, Xosé
Compositor. Coñecido como Chané, xunto con outros compositores galegos contemporáneos, vinculados á creación da canción sobre textos en galego ou ao movemento orfeónico, como Pascual Veiga, Xoán Montes ou Xosé Baldomir, pode considerarse un dos representantes máis sobranceiros e a primeira manifestación relevante do nacionalismo musical galego durante o período da I Restauración (1876-1931). Primeiro formouse musicalmente co seu pai, coñecido concertista de guitarra, e completou os seus estudios durante o servizo militar con Bernardo Noriega. En 1889 fíxose cargo da cátedra de Canto Individual e Colectivo dentro da Academia de Belas Artes da Coruña, cidade na que desenvolveu boa parte da súa vida activa en estreita relación co vizoso movemento orfeonístico coruñes. En 1880 comezou o seu éxito como compositor e director de música para orfeón, primeiro co Orfeón Coruñés, e a partir de 1882 con El Eco, agrupación coa que acadou importantes triunfos en Madrid (1883 e 1892), Barcelona (1888) e Santander (1890). En 1893 emigrou a La Habana e encargouse da sociedade coral Ecos de Galicia, dependente da Sociedade de Beneficencia; trabou amizade co poeta Curros Enríquez e participou activamente na formación do movemento asociativo da emigración galega a través da asociación Aires da Miña Terra e como secretario da Sociedad Protectora de la Academia Gallega. Do recoñecemento que acadou como compositor, director e organizador, e da súa valoración nos círculos do galeguismo, dan conta as abundantes crónicas nos xornais da época, como o amplo espazo que A Nosa Terra adicou á visita que fixo á Coruña en 1907, ou as destacadas honras fúnebres que se renderon á chegada dos seus restos á mesma cidade, o 4 e 5 de marzo do mesmo ano do seu pasamento (recollidas nunha crónica do Boletín da Real Academia Galega). O catálogo das súas composicións, aínda que reducido, contén algunhas pezas que acadaron notable difusión en versións manuscritas e en diferentes arranxos realizados polo mesmo autor ou por outros. Entre as súas pezas perdidas destacan Una broma pesada (1873) e A lúa de Cangas; as obras conservadas figuran no Catálogo do fondo Canuto Berea, impresas ou manuscritas, aínda que poden atoparse arranxos para diferentes agrupacións noutros arquivos. A datación da súa obra é abondo problemática porque non se precisa nas fontes conservadas ou nas edicións Semejanza (1884?), A Foliada (versión orfeónica, 1890?; versión para voz e piano, 1900?), Gaiteiriño pasa (versión orfeónica e versión para voz e piano, 1900?), Un adiós a Mariquiña, Os teus ollos, Tangaraños, as tres cancións sobre textos de Curros para voz e piano, editáronse cara ao 1930 aínda que se compuxeron con moita anterioridade. A máis coñecida das súas cancións, Cantiga gallega, sobre o texto de Curros Enríquez “Unha noite na eira do trigo”, que tamén sería musicado por outros compositores como Xoán Montes (1895), é unha elaboración da melodía orixinal composta en 1869 por Cesáreo Alonso Salgado; esta melodía estaba xa amplamente popularizada en Galicia nos anos en que Chané escribiu a súa versión, que aproveitou ademais para restituír o texto nunha versión autorizada polo mesmo poeta.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela -
Deceso
Lugar : La Habana