Castro Pérez, Francisco Xavier
Historiador. Licenciouse e doutorouse en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi catedrático da Escola Universitaria de EXB de Ourense (1987), profesor de historia contemporánea de España na Universidade de Rennes II (1987-1988) e profesor de historia contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela. Foi un dos fundadores do Colectivo de Historia Xerminal e impulsor en 1983 das Xornadas de Historia de Galicia de Ourense. As súas investigacións xiran ao redor do galeguismo, do movemento obreiro e da emigración. Colaborou en numerosos xornais e revistas, como El Correo Gallego, La Voz de Galicia, Faro de Vigo ou Diario 16, e foi membro do consello de redacción da revista Grial. Participou na edición crítica de Sempre en Galiza de Castelao (premio de investigación da Universidade de Santiago de Compostela). Entre as súas obras destacan O nacionalismo galego na Segunda República (1982), O galeguismo na encrucillada republicana (1985), Crise económica e loitas sociais na Galiza republicana: o conflito pesqueiro vigués en 1932 (1985), Historia a debate. Galicia (1995), A lume manso: estudios sobre historia social da alimentación en Galicia (1998) e Atlas histórico de Galicia (1998). Obtivo unha mención de honra no Premio Ramón Otero Pedrayo e un premio da Deputación de Ourense polo seu labor investigador.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Cangas