Castro Ruz, Fidel Alejandro
Político cubano. Fillo dun emigrante galego acomodado, realizou estudios universitarios e doutorouse en Leis pola Universidad de La Habana. Militou en grupos revolucionarios desde moi novo e participou no fracasado asalto ao cuartel de Moncada en Santiago de Cuba no 1953. Adquiriu notoriedade pola súa defensa no xuízo posterior, que foi publicada co título La historia me absolverá. Condenado a 15 anos de prisión, recibiu a amnistía (1955) e exiliouse en México, onde fundou o Movimiento 26 de julio. Recibiu instrución do coronel español Alberto Bayo e preparou un novo intento de asalto ao réxime, para o que tentou crear unha guerrilla rural. De feito, un grupo de 82 revolucionarios desembarcou en Cuba o 2 de decembro de 1956 e, asentados en Sierra Maestra, iniciaron unha loita de guerrillas contra Batista, apoiados polos campesiños e polos estudiantes. En decembro do 1958 ocuparon Santiago de Cuba, entraron en La Habana o 1 de xaneiro de 1959 e provocaron a fuxida do ditador. Co triunfo da revolución, Castro converteuse en xefe do goberno, primeiro ministro e comandante das forzas armadas, e instaurou un réxime revolucionario. O seu programa de goberno, nacionalista e caracterizado pola reforma agraria e pola expropiación sen indemnización de numerosas propiedades e empresas norteamericanas, supuxo o inicio do enfrontamento cos EE UU. O frustrado desembarco de contrarrevolucionarios cubanos apoiados polos EE UU en praia Girón (baía de Cochinos) en 1961, agravou a situación. Nomeado secretario xeral das Organizaciones Revolucionarias Integradas en 1961, continuou no cargo cando se transformou no Partido Unido de la Revolución Socialista (1962) e, finalmente, no Partido Comunista Cubano (1965). Na Primera Declaración de La Habana (1960) e especialmente na Segunda Declaración (1962), expuxo as directrices da revolución socialista de Cuba e da loita pola liberación nacional antiimperialista en América Latina. Ante as dificultades económicas polo bloqueo dos EE UU, reforzou os lazos económicos e políticos coa URSS, deu soporte aos movementos guerrilleiros latinoamericanos e levou tropas e asesores, a partir do ano 1976, a Angola, Etiopia, Granada e Nicaragua. Coa primeira constitución socialista de Cuba, no 1976, ocupou os cargos de xefe do estado, presidente do consello de estado e presidente do consello de ministros. O seu liderado na Organización de Países non Aliñados (1979-1981), desde a que denunciou as desigualdades económicas entre os países desenvolvidos e os pobres, concedeulle un notable recoñecemento nos países do Terceiro Mundo. A finais da década dos oitenta, fronte ao reformismo soviético de Mikhail Gorbačov, mantivo o marxismo-leninismo. A diminución da axuda económica rusa durante a década dos noventa orixinou dificultades económicas e movementos de oposición no interior. Para solucionar os problemas, no 1993 aprobou medidas económicas de relativa apertura, nas que legalizaba algunhas empresas privadas. Confirmado novamente no 1998 pola Asamblea Nacional del Poder Popular como presidente da República, o seu mandato conclúe no ano 2003. En xaneiro de 1998 recibiu o Papa Xoán Paulo II en La Habana. Coñecido pola súa capacidade oratoria, publicáronse moitos dos seus discursos. Entre outras obras destaca Globalización versus neoliberalismo (1999). En colaboración con outros autores escribiu La crisis del capitalismo en los países subdesarrollados (1972) e, con Ernesto Che Guevara, Del subdesarrollo al socialismo (1974). Entrevistado en numerosas ocasións, entre as que se publicaron poden subliñarse Fidel e a religião (1985) realizada por frei Betto, Una conversacion en La Habana (1989), de Alfredo Conde, e Un grano de maíz (1992), conversa mantida con Tomás Borge. Obtivo o Premio Lenin da Paz en 1961.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Mayarí