Castromil Ventureira, Ramón Evaristo
Empresario, pianista e político. Licenciado en Dereito (1954), realizou estudios musicais en Santiago de Compostela con Ángel Brage e no Real Conservatorio de Música y Declamación de Madrid con Cubiles e Aroca e obtivo en 1951 o primeiro premio do Conservatorio Nacional. Continuou a súa formación pianística en París con Ives Nat e, na École Normale de Musique, con Alfred Cortot; posteriormente, foi discípulo de Carlo Zecchi en Roma e de Guido Agosti en Siena, e desenvolveu a súa actividade como concertista en España, Italia, Portugal, Marrocos, Francia, Austria, Arxentina e Noruega, entre outros países. Docente no Conservatorio de Santiago de Compostela, actuou como solista coas principais orquestras españolas e europeas. En 1969 foi designado presidente da empresa Castromil trala morte do seu avó, Evaristo Castromil. Baixo a súa dirección a empresa experimentou unha grande expansión e un proceso de modernización. Preocupado pola galeguización do mundo empresarial, desenvolveu importantes iniciativas na súa empresa (publicación da colección Contos do Castromil e bautizo dos autobuses da flota Castromil con nomes de persoeiros galegos do mundo da cultura) e no marco da Fundación Galicia-Empresa, da que foi presidente, dedicada a promover a galeguización das empresas do país. Deputado na primeira lexislatura galega (1981-1985) por Alianza Popular (AP), foi, durante eses anos, secretario xeral deste partido en Galicia. Académico numerario da Real Academia de Belas Artes de Galicia dende 1992, foi vicepresidente do Consello da Cultura Galega, posto dende o que coordinou o relatorio de Música e Artes Escénicas e dende o que dirixiu o programa do Arquivo Sonoro de Galicia. Recibiu os premios Pedrón de Ouro e Patronato Sanmartiño en 1992 e o Premio da Crítica Galicia, no apartado de iniciativas culturais, en 1993.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela