Castroviejo Blanco-Cicerón, Xosé María
Escritor. Licenciado en Dereito e en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela e doutor pola Université de Lyon (1931), foi profesor de economía política e facenda pública na mesma Universidade (1935) e de lingua e literatura españolas na Universidade de Palermo. En 1940 exerceu como asesor da Dirección General de Relaciones Culturales do ministerio de Asuntos Exteriores. Ademais de levar a cabo un destacado e prolífico labor como conferenciante por América e Europa, colaborou en varios xornais e revistas, exerceu varios cargos dentro do eido xornalístico e dirixiu El Pueblo Gallego. Home polifacético, cultivou case todos os xéneros literarios (prosa, teatro, ensaio e poesía) e a maior parte da súa obra, escrita tanto en galego como en castelán, susténtase na realidade galega e ten como temática a Galicia (arte, historia, xeografía, natureza, folclore, lendas, oficios, supersticións, gastronomía, tradicións, costumes, festas e romarías). O seu estilo caracterízase por unha prosa coidada e unha poética evocadora, influenciada por Baudelaire, polos simbolistas franceses e pola obra de Amado Carballo e Manuel Antonio. Na súa obra Galicia: Guía espiritual de una tierra (1960), mergulla na esencia de Galicia e compón un completo retrato histórico, xeográfico, artístico e espiritual do país; comeza o itinerario partindo de Santiago de Compostela e percorre as catro provincias galegas pasando, entre outras localidades, por Padrón, Cambados, Pontevedra, Lalín, O Morrazo, Vigo, Baiona, A Guarda, Tui, Monforte de Lemos e Viveiro. Nun estilo ameno e fluído, describe a peregrinación dun viaxeiro polas terras galegas e inclúe un apéndice onde dá conta das festas, bailes e da gastronomía en Galicia. En 1964 deu ao prelo o poemario en galego Tempo de outono e outros poemas, conxunto de versos nos que o eu lírico evolucionou dende a corrente imaxinista ata o simbolismo da poética de Manuel Antonio; no eido da narrativa cómpre salientar Memorias dunha terra (1973), conxunto de relatos que teñen como condutor as lembranzas de xuventude dun home da comarca do Ulla, caracterizados por ter unha prosa amena e áxil e pinceladas autobiográficas, que contribúen a reforzar o fío narrativo que dá unidade á obra. Da súa produción destacan, entre outras obras: Altura. Poemas de guerra (1938), Mar del sol. Poemas de un diario de a bordo (1940), Los paisajes iluminados. Poemas sueltos (1945), Don Quijote 1947 (1947), Rías Bajas de Galicia (1953), La burla negra (1955), El pálido visitante. Ejemplares relatos de avisos y apariciones en el Finisterre (1960), La catedral de Santiago (1965), El Conde de Gondomar: un azor entre ocasos (1967), Las tribulaciones del cura de Noceda (1970) e La montaña herida (1981). Experto cazador coñecedor da natureza galega e especialista na gastronomía galega, escribiu en colaboración con Álvaro Cunqueiro as obras Teatro venatorio y coquinario gallego o sea arte de la caza (1958) e Viaje por los montes y chimeneas de Galicia. Caza y cocina gallegas (1962), obra esta última dividida en dúas partes: a primeira da autoría de Castroviejo titulada “La alegre caza”, onde describe a vida dos animais e a práctica da caza, e a segunda escrita por Cunqueiro titulada “La buena cocina”, tratado sobre a arte culinaria. Entre os numerosos galardóns que recibiu destacan o Premio Nacional de Xornalismo, o Premio Mariano de Cavia e o Premio Nacional de Literatura.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela -
Deceso
Lugar : Tirán, Moaña