Çatal Hüyük
Çatal Hüyük
Xacemento neolítico da chaira de Konya, en Turquía. Foi escavado por J. Mellaart, investigador da escola inglesa de Ancara. Os seus doce niveis están datados entre o 6500 e o 5650 a C. Trátase dunha aglomeración de casas rectangulares, con almacéns e lugares adxacentes; as casas teñen a entrada no tellado, con escaleiras de madeira, e as ventás están situadas na parte superior dos muros. Apareceron nos seus restos vasos de madeira e de vimbio, e recipientes de coiro de etapas precerámicas. Os mortos soterrábanse dentro das casas despois de descarnarse ao aire libre. Hai tamén unha gran cantidade de capelas da deusa Nai con interesantes pinturas murais.