Catalunya

Catalunya

Rexión da Europa Mediterránea que constitúe o máis setentrional dos denominados Països Catalans (territorios de cultura e fala catalana), dos que é o núcleo orixinario e a parte máis extensa. Administrativamente, divídese entre a República Francesa e o Reino de España, de acordo co Tratado dos Pireneos (1659) que estableceu no eixe axial desta cordilleira de pregamento alpino o límite entre ambas as dúas coroas. Dese xeito, as comarcas setentrionais, o Roselló, o Conflent e a Alta Cerdanya, quedaron baixo soberanía francesa e o proceso de afrancesamento iniciouse inmediatamente baixo o reinado de Luís XIV. Despois da Revolución Francesa, o goberno da Primeira República (1792-1804) incluíu o territorio no departamento dos Pyrénées-Orientales. Trala reestruturación levada a cabo en 1982 (na Quinta República), o departamento incluíuse na rexión de Planificación do Languedoc-Roselló. Pola súa parte, o territorio que quedou baixo soberanía española perdeu os seus dereitos forais trala Guerra de Sucesión (1713), pero mantivo a súa personalidade recoñecida nas diferentes demarcacións que estableceron os gobernos borbónicos nos eidos militar, xudicial, fiscal, etc. A administración liberal do primeiro terzo do s XIX dividiu o territorio español de Catalunya en catro provincias: Barcelona, Gerona, Lérida e Tarragona. En 1914 o estado concedeulle a creación dunha Mancomunitat, institución que aglutinaba as catro deputacións provinciais e que representaba un tímido goberno rexional, carente dunha norma fundamental (estatuto) que lle conferise unha base legal consistente. Trala proclamación da Segunda República, entre 1931 e 1939 gozou dun réxime autonómico, afirmado sobre un Estatuto aprobado polas Cortes Constituíntes, que foi derrogado ao remate da Guerra Civil. O proceso de reforma constitucional principiado co acceso do Rei Xoán Carlos I á xefatura do Estado (22.11.1975), permitiu a restauración provisional do goberno autonómico, a Generalitat, en setembro de 1977 e, posteriormente, a súa plena institucionalización coa aprobación do Estatut d’Autonomia de 1979.