Catania
Capital da provincia homónima, en Sicilia, Italia, situada no golfo de Catania e nos contrafortes do volcán Etna (339.271 h [1998]). É a segunda cidade máis importante de Sicilia polo seu número de habitantes. A base da súa economía é o porto, un dos de máis movemento de Italia, e o turismo, atraído polos balnearios da zona. Ten unha universidade, creada en 1434 por Afonso V de Aragón, cunha importante biblioteca. Fundada na segunda metade do s VIII a C, conquistárona os romanos no 263 a C e converteuse en colonia baixo o goberno de Octavio. Despois das invasións bárbaras quedou baixo o poder dos bizantinos (s VI), dos árabes (s IX) e dos normandos (s XI). No s XIV converteuse na sede do Parlamento siciliano. Durante os ss XIX e XX sufriu as consecuencias das erupcións do Etna e terremotos como o de 1963. Conserva o castelo de Ursino do s XIII. A maioría dos seus monumentos son obra de Vaccarini (1702-1768).