catastrofismo

catastrofismo

(< catástrofe)

  1. s m

    Actitude catastrofista.

  2. s m [XEOL/BIOL]

    Cada unha das teorías sobre a historia xeolóxica e biolóxica da Terra que describe a presenza de cambios bruscos, rápidos e discontinuos. No catastrofismo clásico destacou a figura do científico francés Georges Cuvier, quen xustificaba o irregular rexistro fósil na existencia de catástrofes (grandes terremotos, diluvios, cataclismos volcánicos, etc) que provocaron sucesivas extincións de seres vivos -seguidas de novas creacións- e modificacións notables na codia terrestre. Ese catastrofismo, de orixe divina para uns, ou natural para outros, tiña unha sólida base en certas observacións e na idea aceptada na época de que a idade do planeta era de só uns miles de anos e acadou amplo recoñecemento entre os naturalistas anteriores á primeira metade do s XIX. Segundo avanzaba o s XIX, o catastrofismo substituíuse por outras teorías. O uniformismo de James Hutton, que afirmaba que os procesos xeolóxicos ao longo do tempo eran esencialmente uniformes en intensidade, e o actualismo de Charles Lyell, que explicaba os cambios acontecidos na historia da Terra polas causas que os provocan na actualidade, levaron a unha visión gradualista, partidaria de que pequenas variacións no ámbito xeolóxico e biolóxico podían explicar as modificacións observadas. O conseguinte debate catastrofismo-gradualismo estivo influído por cuestións ideolóxicas e relixiosas. A aceptación progresiva das teses gradualistas de Lyell e do evolucionismo de Darwin eclipsaron o catastrofismo clásico, de tal xeito que quedou desacreditado na segunda metade do s XIX. Nas últimas décadas ten certa vixencia o denominado neocatastrofismo, ou catastrofismo moderno, que supón unha síntese do clásico e algúns novos achados, que defende a validez do método actualista pero admite o papel relevante de episodios catastróficos, como, por exemplo, o impacto dun meteorito. Nesta posición débese situar a teoría do equilibrio puntuado de Stephen Jay Gould e Niles Eldredge, quen, en 1972, formularon que as especies biolóxicas permanecen estables e cambian bruscamente nun episodio rápido.