catástrofe

catástrofe

(

  1. s f
    1. Acontecemento imprevisto que produce destrución ou dano.

      Ex: As catástrofes naturais acaban cada ano coa vida de numerosas persoas.

      Confrontacións: calamidade, cataclismo, desastre, traxedia.
    2. Situación, cousa, etc, que ten escasa calidade, está mal feito ou é pouco afortunada.

      Ex: Que catástrofe, perdín o autobús!

  2. s f [LIT]
    1. Última parte das catro nas que se divide a traxedia grega. Correspóndese co momento no que a acción dramática chega á súa fin e o heroe, consciente da súa culpa, paga a súa falta. Na traxedia clásica esta asunción do erro tráxico por parte do personaxe consiste na expiación da culpa, mentres que na moderna desemboca a miúdo nun baleiro existencial, nunha situación absurda ou nunha burla total.

    2. Desenlace desventurado dunha obra teatral e, por extensión, de calquera poema dramático.

  3. catástrofe ultravioleta [FÍS]

    Predición inaceptable da fórmula de Rayleigh para a emisión do corpo negro. Segundo esta fórmula, a cantidade de enerxía radiada polo corpo negro aumenta coa frecuencia, pero isto non se axusta ao que se observa experimentalmente. A catástrofe resolveuse cando se viu que a fórmula de Rayleigh non era máis que a expresión asintótica, para baixas frecuencias, da fórmula de Planck.

  4. teoría de catástrofes [MAT/FÍS]

    Corpus teórico desenvolvido polo matemático francés René Thom dende 1972, coa intención de establecer un modelo para os cambios discontinuos que se observan na natureza. En moitos sistemas, unha pequena variación cuantitativa das condicións iniciais supón unha gran diferencia cualitativa no comportamento do sistema a longo prazo, situación que recibe o nome de bifurcación do comportamento. Na teoría das catástrofes, este requirimento implica que o sistema dinámico que crea un modelo para o fenómeno natural se poida describir por medio dunha das sete formas normais coñecidas como catástrofes elementais. Estas sete catástrofes elementais clasifícanse en catro cuspoides e tres formas umbilicadas. Esta teoría aplícase a diversas disciplinas científicas como a xeoloxía, a hidrodinámica, a óptica, a fisioloxía, a bioloxía, a psicoloxía ou a lingüística.