traxedia
(< lat tragoedĭa < grτραγω.δία)
-
s
f
[LIT]
Obra dramática de estilo elevado que representa unha acción seria e grave entre personaxes importantes e na que, por regra xeral, o protagonista é levado por unha paixón ou pola fatalidade cara á catástrofe. En toda traxedia distínguense o prólogos (parte completa que precede á entrada do coro), o párodos (canto de entrada do coro), o éxodos (simétrico ao párodos, breve canto de tipo formulario co que se retira o coro), os episodios (partes completas da traxedia que van entre dous cantos corais completos) e os estásimos. A súa orixe é discutida. Xa desde a Antigüidade, τραγω. δ´ια, palabra de etimoloxía incerta, presentou graves problemas á hora de establecer o seu verdadeiro sentido; parece ser que a fusión das dúas palabras que a constitúen (τραγος, ‘castrón’, e οδη, ‘canto’) facían referencia aos actores que debían empregar máscaras de castrón. Destaca o feito de que, na historia cultural de Ática, drama e democracia aparecen estreitamente vinculados, e ao desaparecer a democracia a mediados do s IV a C, desapareceu tamén a traxedia. Esta foi, en último termo, a forma artística en que se cristalizou a harmonía político-relixiosa entre a aristocracia e o pobo. Foi probablemente durante a tiranía de Pisístrato cando se produciron en Atenas as innovacións transcendentais que van unidas ao nome de Tespis. É probable que ao redor de 534 a C se producise a primeira representación oficial dunha traxedia, tras un certame en que Tespis resultou vencedor. Despois del, e xa en tempos de Clístenes, Quérilo, Frínico e Prátinas proporcionáronlle os trazos que a definirían na súa época de esplendor. De Quérilo, que debeu cultivala entre 523 e 499 a C, coñécese só o título dunha obra, Alope. A Frínico atribúenselle as obras Os persas, A toma de Mileto e As fenicias. Durante o s V a C Esquilo, Sófocles e Eurípides dominaron a historia da traxedia antiga e as súas obras son as únicas que se transmitiron, agás a Alexandra de Licofronte. A produción de Esquilo estudouse especialmente para aclarar o sentido da súa teoloxía e da súa concepción da responsabilidade humana, o papel que a angustia e o terror teñen na súa obra, e a súa teoría política. De Sófocles, o autor ao que a visión idealista de Grecia considerou sempre o máis grande dos poetas tráxicos, interesa sobre todo a súa visión pesimista. En Eurípides, abandonada a súa interpretación racionalista, existe unha tendencia a velo como un místico, un irracionalista e un defensor dos dereitos da muller e dos débiles. El pecha a época de ouro da traxedia grega. Na primeira época helenística obtiveron unha sona relativamente efémera os poetas da chamada pléiade tráxica: Licofronte, Homero de Bizancio, Sosífanes e Alexandre Etolio. En Roma, durante os ss III e II a C, escribiron e representaron traxedias, moitas veces simplemente imitadas ou adaptadas dos modelos gregos, os autores Livio Andrónico, Ennio e Nevio. Tamén sobresaíu Ovidio, cuxa Medea, perdida, foi a peza capital do teatro tráxico romano. Modernamente, a crítica revalorizou as nove traxedias de Séneca, as únicas, xunto á Octavia, que se conservan de toda a produción dramática latina. Na época latina, quer directamente, quer a través de Séneca, a traxedia clásica exerceu unha certa influencia. Nos ss XII e XIII, Mussato, con Ecerinis, amosou sobre todo a marca de Séneca. En 1514, G. G. Trissino, con Sofonisba, abriu a serie de traxedias constituídas segundo as supostas regras gregas, seguindo temas mitolóxicos, bíblicos (L. Dolce) ou medievais (T. Tasso). Tamén comezou na Península Ibérica un florecemento da traxedia, aínda que absolutamente desvinculada dos modelos clásicos, con autores que van desde Lope de Vega e Calderón a Ventura de la Vega. Algúns exemplos interesantes no desenvolvemento do feito tráxico poden localizarse en Inglaterra e Francia. No primeiro, abandonada a tradición dos misterios medievais, o drama moderno inaugurouse coa Spanish Tragedy de Thomas Kyd e o Tamburlaine de Marlowe, e culminou co xenio extraordinario de Shakespeare, autor que abandonou os principios de unidade, economía e orde da arte clásica. Ao seu carón estiveron o seu antagonista Ben Jonson, máximo representante do clasicismo, R. Greene, F. Beaumont e J. Webster. En Francia, o s XVII marcou un verdadeiro renacemento da traxedia clásica. Foron sobre todo J. Rotrou e J. Mairet (Sophonisbe, 1634), coa adopción da norma das tres unidades no teatro, os que fixaron un modelo que rexeu durante máis de dous séculos a produción dramática francesa, coa presenza de figuras como Corneille, Racine, Philippe Quinault, Genest e Campistron. A influencia do neoclasicismo francés foi particularmente importante en Italia, onde sobresaíu a personalidade de Alfieri. En Alemaña, os autores que anuncian o romanticismo inspiráronse na produción shakesperiana ou nos clásicos gregos, como Goethe na Iphigenie auf Tauris (1787), ou amosáronse máis desligados de calquera modelo, como Schiller e Hebbel. A partir do romanticismo, o gusto pola traxedia (Shelley, V. Hugo, A. Dumas) mantívose ata o s XX. Con novas técnicas que responden a unhas circunstancias novas, hai diversos autores en que se percibe a influencia do feito tráxico, como E. O’Neill, J.-P. Sartre (As moscas, As troianas) e J. Anouilh (Antígona).
-
s
f
Suceso funesto ou desgraciado.