catedral

catedral

(< cátedra)

s f [RELIX]

Igrexa principal dunha diocese, sé oficial do bispo e da corporación capitular. A denominación xeneralizouse, xunto coa de sé, a partir da época carolinxia. Nun sentido amplo, tamén comprende o conxunto de edificios dos arredores do templo, o baptisterio e, xeralmente, as residencias do bispo, dos clérigos ou dos cóengos, a miúdo unidos por un claustro. As antigas catedrais foron o centro cultural da diocese; nas súas escolas formábanse os novos clérigos e os laicos. As primeiras catedrais cristiás reproducen a forma das basílicas romanas, aínda que as súas tipoloxías foron acomodándose ao estilo imperante en cada época. A maioría das catedrais europeas comezaron a construírse durante a Idade Media, ben no período románico, ben no gótico, e continuaron ampliándose ao longo dos séculos posteriores. As primeiras seguiron a tipoloxía das igrexas de peregrinación. En España son románicas as catedrais de Jaca, Santiago de Compostela, a Seu d’Urgell, e as catedrais vellas de Salamanca e Zamora; en Francia, as de Cahors, Angulema e Puy; en Italia, as de Pisa, Lucca e Parma; en Alemaña, as de Worms, Espira e Maguncia; e en Gran Bretaña, as de Lincoln, Winchester, Gloucester e Norwich. Ademais, construíronse catedrais seguindo os modelos bizantinos como a de San Marcos en Venecia. O momento de maior auxe construtivo das catedrais coincidiu co renacemento urbano do s XIII. Francia foi a iniciadora do gótico, estilo no que se construíron as catedrais de Chartres, Nôtre-Dame de París, Reims e Amiens. En España pertencen ao gótico do s XIII as catedrais de León, Toledo e Burgos; do s XIV, as de Barcelona, Girona, Palma de Mallorca e València; do s XV, a de Sevilla; e do s XVI, a nova de Salamanca e a de Segovia; en Bélxica, as de Bruxelas, Anveres e Bruxas; en Italia, as de Siena, Orvieto e Milán; en Alemaña, as de Friburgo, Ratisbona e Colonia; e en Gran Bretaña, as de Canterbury, Salisbury, Wells, Ely e Gloucester. Entre as catedrais de nova planta, edificadas durante o Renacemento, destacan en Italia, ademais da de San Pedro do Vaticano, as catedrais de Pavia, Turín e Como, e en España, as de Granada, Málaga, Jaén e Valladolid. Na época barroca construíuse a catedral de Cádiz e en Italia as de Lecce e Xénova. Ademais, durante estes séculos foron trasladadas a América as directrices artísticas europeas que, mesturadas coa tradición indíxena, deron lugar a un barroco propio. É o caso das catedrais de México, Puebla ou Lima. Os modelos clásicos, como a catedral de San Paulo de Londres, foron a fonte de inspiración das catedrais de América do Norte, como a de San Paulo en Minnesota, mentres que outras se inspiraron nos modelos góticos, como a de San Patricio en Nova York. Xa no s XX erixíronse, entre outras, as catedrais de Brasília, obra de Oscar Niemeyer, e a da Almudena, de Madrid. En Galicia hai cinco templos catedralicios (Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago de Compostela e Tui) que se corresponden coas sés de cinco das seis dioceses (a sexta é a de Astorga, na comunidade autónoma de Castela e León) do arcebispado de Santiago de Compostela. A primeira catedral galega en comezar a súa construción foi a de Santiago de Compostela, iniciada cara ao 1075 no lugar que ocupara a primeira basílica edificada tralo descubrimento da tumba do Apóstolo. Cumio das igrexas de peregrinación e da arquitectura románica, a construción da catedral compostelá continuou ao longo dos séculos e destaca, por exemplo, o revestimento barroco do s XVII. A catedral de Santiago de Compostela inspirou a construción das catedrais de Lugo e de Tui, iniciadas na primeira metade do s XII, e, en menor medida, a de Ourense, aínda que o gótico transformou amplamente as súas respectivas estruturas. Tamén gótica foi, nos seus inicios, a catedral de Mondoñedo. Como sucedeu na catedral compostelá, os templos catedralicios galegos modificáronse en séculos posteriores, nuns casos con novas creacións e noutros coa reforma das construcións precedentes.