Catón, Marco Porcio

Catón, Marco Porcio

Escritor, orador e político romano. Chamado o Vello ou o Censor, era membro dunha familia plebea. Participou na Segunda Guerra Púnica (217 a C) e fixo carreira política en Roma axudado por Lucio Valerio Flaco. Comezou como cuestor en Sicilia no 204 a C con Publio Cornelio Escipión o Africano. Elixido edil no 199 a C, reinstaurou os xogos plebeos. No 198 a C foi pretor en Sardeña, onde adquiriu popularidade pola súa sobriedade e xustiza no desempeño do cargo, feito que lle axudou a acadar o consulado no 195 a C. Durante este mandato trasladouse a Hispania para sufocar un levantamento indíxena. Participou tamén como tribuno militar na expedición contra Antíoco no ano 191 a C. No ano 184 a C foi elixido censor e aplicou unha política na que cargou con impostos o luxo e realizou importantes obras públicas na cidade. Combateu a política liberal e filohelénica dos Escipións en defensa das tradicionais virtudes romanas (aforro, austeridade e xustiza), virtudes que practicou na administración da súa propiedade de Tusculum. É famoso o seu discurso ao Senado no que solicitaba a destrución de Cartago por mor do seu renacente poderío. Da súa produción destacan Origines (Orixes), De rustica (Sobre a agricultura) e Carmen de moribus (Preceptos sobre os costumes).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Tusculum

  • Deceso