Catreu, O
Revista subtitulada “Boletín da Asociación Cultural de Vigo” e publicada pola asociación do mesmo nome en 1972. Trátase dunha folla informativa de réxime interior cunha orientación nacionalista que amosa o seu interese pola normalización do idioma e a cultura galega en xeral. No seu primeiro número dividíase en “Actos”, “Actividades”, “Convocatorias” e “Clases de galego”. Contaba tamén coas seccións “Noticias” e “Libros” e en 1973 incluía notas de conferencias, unha memoria e un balance. Das colaboracións destacan o poema “Belén, ano cero”, de Celso Emilio Ferreiro; a escolma de poesía, de Lago González; e o apartado “Seis poemas do tempo presente”, coa participación de Margarita Ledo, Manuel María, Darío X. Cabana, X. María Álvarez e Méndez Ferrín.