Catulo, Caio Valerio
Poeta. De familia acomodada, desempeñou un cargo oficial en Bitinia, no estado maior do propretor Memmio, entre os anos 56 e 57. Pertenceu ao grupo dos neotéricos. Influído pola lírica grega arcaica (Safo), pola poesía alexandrina (Calímaco, Apolonio e os epigramistas), pola tradición poética latina e polos seus inmediatos predecesores, os chamados poetae novi, considérase o creador da lírica erótica latina. A súa obra reuniuse baixo o título Catulli Veronensis liber (Libro do veronense Catulo), colección de 116 poemas de métrica e extensión diversa, organizada a partir de criterios métricos e de xénero. A maior parte destes versos, os máis coñecidos da súa produción, aluden ao seu desafortunado amor por Lesbia, que probablemente fose Clodia, irmá do tribuno Publio Clodio; outros eloxian ou satirizan a sociedade do seu tempo. Entre eles destacan a elexía “A cabeleira de Berenice” e os poemas mitolóxicos “Attis” e “Bodas de Tetis e Peleo”. En 1943 o compositor alemán Carl Orff compuxo a cantata Catulli carmina, baseada nalgúns dos seus poemas amorosos.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Verona