Caucasia
Rexión que se estende entre o Mar Negro e o Mar Caspio. Ten como límite setentrional as concas do río Kuban’ e Terek, e como límite meridional a meseta de Anatolia e Irán. Constitúe o núcleo central da cordilleira do Gran Cáucaso, que divide a rexión en dúas grandes áreas: a Ciscaucasia no N e a Transcaucasia no S. Entre os recursos económicos máis importantes destacan a agricultura, especialmente no val do Kuban’, e a gandería. Tamén é importante o cultivo de algodón, especialmente no val do Kura (Kür), e os cultivos mediterráneos. A pesca está ben organizada, fundamentalmente na beira do Mar Caspio. Os recursos mineiros e as explotacións petrolíferas son abundantes. Administrativamente comprende Xeorxia, Acerbaixán, Armenia e as seguintes divisións administrativas da República de Rusia: República de Daguestán, República da Ossetia Setentrional, República dos Chechenos e dos Inguxos (Čečnja-Ingušetija), República dos Kabardinos e dos Balkares (Kabardino-Balkarija), Républica de Adiguesia, República dos Karachais e dos Cherkeses (Karačajevo-Čerkesija). A presenza de restos arqueolóxicos determinan a existencia de poboadores nesta rexión desde o Paleolítico, e no Neolítico, no III milenio a C, desenvolveuse no Cáucaso un importante centro metalúrxico, coñecido polas civilizacións de Mesopotamia e Fenicia. Sufriu as invasións de cimerios, escitas e sármatas, foi sometida parcialmente polos armenios e constituíu un dos límites da penetración dos romanos en Oriente. Desde o s III d C, o territorio viviu unha etapa de inestabilidade, durante a que diversos pobos invadiron o Cáucaso. No s V chegaron os sasánidas de Persia e pouco despois os bizantinos, que foron expulsados polos árabes no s VII ao mesmo tempo que o cristianismo se afianzaba desde o s IV, principalmente no recentemente constituído Reino de Armenia. Xunto co Reino de Xeorxia, resistiron ata as invasións turcas do s XI. A vaga dos mongois, no s XIII, e do turco Timor Lang (Tamerlán), no s XVI, destruíron e fraccionaron os pobos da zona. Na loita polo dominio da rexión enfrontáronse, entre o s XV e o s XVIII, os turcos otomanos cos persas. Os rusos, que pretenderon estender seu o dominio polo Cáucaso a partir do reinado de Pedro o Grande, acadaron o control do territorio despois de sucesivos tratados desde o de Kutchuck-Kainardji (1774). A política de conquista e colonización rusa prosperou e todas as rexións do norte do Cáucaso e Xeorxia se converteron en provincias rusas entre 1785 e 1801. Os acordos firmados entre Rusia e Turquía, soberana nominal na zona, permitíronlle ao primeiro establecer o dominio sobre unha parte da Abkhazia. A ocupación rusa enfrontouse coa oposición dos principados musulmáns independentes, que, dirixidos entre outros polo imán checheno Shamils, se sublevaron entre os anos 1830 e 1859. Os pobos de Xeorxia e Armenia, pola súa parte, aceptaron o dominio ruso como unha defensa fronte á persecución turca. Os rusos acadaron o control sobre o Cáucaso occidental no 1864 e anexionaron o Principado de Abkhazia. Pero as rebelións antirrusas continuaron na segunda metade do s XIX, dirixidas polos primeiros movementos nacionalistas do Cáucaso. O goberno do réxime tsarista, que organizou os diversos pobos nativos nunha única rexión administrativa, caracterizouse pola dureza e a represión. Os grupos nacionalistas continuaron a loita contra o goberno ruso e participaron nos procesos revolucionarios de 1905 e 1917. A invasión do Cáucaso polos turcos durante a Primeira Guerra Mundial, foi detida e superada pola ofensiva do exército ruso ata que a revolución emerxente cambiou a situación. O 11 de maio de 1918 constituíuse a República Federal do Cáucaso do Norte, formada polos territorios de Abkhazia e Ossetia, de poboación cristiá, e as rexións musulmanas de Daguestán, República dos Chechenos e dos Inguxos, República dos Kabardinos e dos Balkares e República de Adiguesia. A vida desta república foi breve e desapareceu no 1919. En 1919 os británicos invadiron a rexión petrolífera situada ao redor das cidades de Bakú, Batum e Tbilisi onde permaneceron ata 1920. As repúblicas de Armenia, Xeorxia e Acerbaixán sufriron os ataques dos turcos entre 1919 e 1921 ata que en 1922 o Tratado de Moscova fixou novamente as fronteiras. As repúblicas independentes da rexión uníronse en 1922 e constituíron a denominada República Socialista Soviética Federada Transcaucasiana, unha das catro repúblicas fundadoras da URSS. No ano 1936 Armenia, Xeorxia e Acerbaixán escindíronse e organizáronse como unha unión de repúblicas socialistas soviéticas. Durante a Segunda Guerra Mundial, un dos obxectivos prioritarios do exército alemán foi cortar as subministracións petrolíferas de Bakú, pero fracasou no intento. As purgas stalinistas supuxeron para os pobos ingush, karacón e checheno a deportación maioritaria a Siberia. A descomposición da URSS, inmersa nunha profunda crise, tivo un dos seus epicentros nos conflitos interétnicos que estalaron nesta rexión desde 1987. A fin da URSS permitiu unha recomposición do mapa caucásico, coa independencia das repúblicas de Acerbaixán, Armenia e Xeorxia, que abandonaron o espazo dirixido por Moscú. Outros territorios como as repúblicas autónomas de Daguestán, República dos Chechenos e dos Inguxos e as Ossetias do Norte e do Sur convertéronse en membros da Confederación de Estados Independentes, creada no 1991. Os conflitos territoriais entre as repúblicas continuaron: o enfrontamento polo dominio da rexión cristiá do Alto Karabakh entre a república musulmá de Acerbaixán e a cristiá de Armenia, finalizou cun acordo no 1994. O enfrontamento de Chechenia coa Confederación de Estados reanudouse en setembro do 1999.