Cáucaso, O

Cáucaso, O

Cordilleira do dobramento terciario que forma parte do sistema alpino europeo e que se estende desde o Mar Negro e o Mar de Azov ata o Mar Caspio, nunha dirección xeral L-O. Ocupa uns 450.000 km2 da parte sudoriental da Rusia europea, Xeorxia e Acerbaixán. A cadea principal comeza na península de Crimea, cunha lonxitude de máis de 1.500 km, e aparece de novo no outro lado do Mar Caspio, ao N de Irán, onde recibe o nome de cordilleira de Kopetdāg. Constitúe o eixe principal da Caucasia e comprende dúas aliñacións fundamentais: o Pequeno e o Gran Cáucaso. O Gran Cáucaso, que é a cadea propiamente dita, é unha auténtica barreira a máis de 4.000 m de altitude (culmina a 5.642 m do macizo volcánico do Elbrus), formada por rochas cristalinas e metamórficas. As fontes termais, os continuos tremores de terra e a abundancia de lavas, son testemuño da forte actividade volcánica que houbo no pasado. As rochas intrusivas teñen mineralizacións de onde se extrae ouro, prata, cobre e tungsteno. Pero a principal riqueza mineira da rexión é o petróleo (destacan os filóns de Majkop, Groznyj e Bakú). No tocante ao clima, segundo a elevación e o relevo, hai desertos, áreas subtropicais, neves perpetuas e xeeiras. O Pequeno Cáucaso posúe menos unidade e está formado por pequenas chairas e cumios volcánicos, cunhas elevacións de 3.000 m de altitude, como os macizos volcánicos de Kura e Tbilisi. As precipitacións son abundantes ao O, nas vertentes próximas ao Mar Caspio, e presentan máis ao L, na chaira de Acerbaixán, un alto grao de continentalidade. A fauna é moi rica.