3 cava

3 cava

(

  1. s f

    Estancia soterrada na que se conserva e cría o viño. O ideal é que teña unha humidade relativamente elevada e unha temperatura constante entre os 6-7° C e os 12° C.

    Sinónimos: adega, bodega.
  2. s m [ALIM]

    Denominación oficial no estado español aplicada ao viño branco, ou excepcionalmente rosado, escumoso natural, de calidade e produción controlada, que se elabora e cría en botella, segundo o denominado método tradicional, directamente adaptado do méthode champenoise, cunha crianza mínima de nove meses. Na parte interior da rolla, os cava levan impresa unha estrela de catro puntas. Josep Raventós obtivo o primeiro cava en 1872 e o seu fillo Manuel Raventós, foi un reputado perfeccionador da técnica de elaboración. Existe unha Denominación de Orixe Cava que comprende 161 concellos de Catalunya, La Rioja, Zaragoza, Araba e Nafarroa, aínda que practicamente a totalidade da produción se elabora na comarca do Penedès, en Catalunya, principalmente na localidade de San Sadurní d’Anoia. Poden empregarse as uvas macabeo ou viura, xarel·lo, parellada e chardonnay como principais, e como complementarias a subirat ou malvasía rioxana, e as tintas garnacha e monastrell. Segundo o seu azucrado, cualifícanse como Extra Brut (menos de 6 g/l), Brut, Extra-seco, Seco, Semi-seco e Doce (máis de 50 g/l). As adegas máis representativas son Codorniu, Freixenet, Chandon, Cavas del Castillo de Perelada, Agustí Torrelló Mata, Canals&Nubiola, Conde de Caralt, Gabriel Giró Baltá, Hill, Juvé i Camps, Llopart, Marqués de Monistrol, Montesquius e Raimat. Os cava conseguen un grande éxito nos mercados internacionais por mor dunha excelente relación entre calidade e prezo. Expórtase preto do 50% da produción, principalmente a Alemaña, Reino Unido e aos EE UU.

Palabras veciñas

Cauvery | 1 cava | 2 cava | 3 cava | Cava de’ Tirreni | cavaca | Cavaca