caviar
(
Manxar composto por ovas de esturión salpresadas, que se vende envasado. Moi típico de Irán e de Rusia, que constitúen os principais lugares de elaboración, estendeuse por todo o mundo occidental. Existen varios tipos: beluga gris ou negro, de ovas máis grosas e aromáticas, que corresponde aos envases con tapa azul; karaburun, de cor ámbar e sabor a noces; sevruga, de pequeno tamaño, gris escuro, sabor delicado e coa tapa do envase de cor vermella; malossol, con ovas pequenas negras e tapa de cor verde; e oscetra ou asetra, de tamaño medio, de cor entre acastañada e dourada, sabor suave e coa tapa do envase de cor amarela, cunha variedade de calidade excepcional denominada Imperial, que estaba reservada tradicionalmente ao Xa de Persia. O principal lugar de procedencia é o Mar Caspio. O caviar prensado é unha especialidade feita coas ovas rotas das variedades sevruga e oscetra, procesadas con calor, que goza tamén de grande aprecio. Existen ademais, no mercado, sucedáneos de caviar feitos con ovas doutras especies piscícolas.