Cavour, Camilo Benso di

Cavour, Camilo Benso di

Político italiano, conde de Cavour. Fixo a carreira militar, pero pola súa adhesión á Revolución de 1830 desterrárono ao Val de Aosta e ao ano seguinte abandonou o exército. Despois do establecemento da liberdade de prensa (1847) fundou Il Risorgimento, desde onde propuxo a unidade italiana e a adopción de reformas dentro dun liberalismo conservador (sufraxio censatario). Foi deputado entre 1848 e 1850, e defendeu na cámara a abolición dos privilexios eclesiásticos; posteriormente, formou parte do gabinete moderado de Azeglio como ministro de Agricultura e Comercio (1850-1851) e de Finanzas (1851), e impulsou unha política librecambista cara a Europa. En 1852 elixírono presidente do Consello de Ministros e organizou o estado do Piemonte segundo os principios do liberalismo burgués. En 1858 pactou con Francia o Tratado de Plombières, acordo polo que os franceses se comprometían a axudar ao Piemonte na expulsión dos austríacos, pero o seu fracaso provocou a súa dimisión temporal (1859-1860). Os levantamentos de Parma, Módena e Toscana foron decisivos para a incorporación destes territorios ao Piemonte por plebiscito (1860), mentres que Nice e Savoia pasaron a Francia. En xaneiro de 1861, reuniuse en Turín un Parlamento nacional que transformou o Reino de Sardeña (Sardeña e Piemonte) no Reino de Italia e proclamou rei a Víctor Manuel II de Savoia en marzo de 1861.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Turín

  • Deceso