Cebreiro

Cebreiro
  1. [ONOM]

    Prenome feminino e apelido que ten a súa orixe nos topónimos homónimos espallados por toda Galicia. Os nomes de lugar Cebreiro e Cebreiros son de carácter abundancial e, aínda que antigamente se interpretou este termo como derivado do latín Februariu ‘mes de febreiro’, parecen remitir á presenza no lugar de cebros ‘asnos salvaxes xa extinguidos na Península’ ou de acevros, con aférese da sílaba inicial. No primeiro dos casos, o étimo que o explica é o latín vulgar *ecĭfĕru, derivado de equiferu, composto de equu ‘cabalo’ e feru ‘salvaxe, bravo’ (aplicado na Idade Media ao asno salvaxe) e mais o sufixo -ariu; e no segundo caso remite ao latín vulgar *acifolu, derivado do clásico aquifoliu, máis o sufixo -ariu. Sábese, polas documentacións medievais, que o Cebreiro de Pedrafita ten como etimoloxía *ecĭfĕru; sen embargo, a confluencia entre os resultados dun e doutro étimo puido producirse facilmente, especialmente se se ten en conta que o hábitat da especie equina viña a coincidir co da especie vexetal. O espallamento de Cebreiro como nome persoal partiu da igrexa de Santa María do Cebreiro, primeiro lugar galego do Camiño de Santiago; de feito, emprégase como prenome no composto María do Cebreiro e celébrase o 8 e 9 de setembro. Como apelido xa se documenta no s XV: “Rodrigo de Cebreiros” (doc ano 1463 en Emilio Duro Peña, El Monasterio de S. Pedro de Rocas y su colección documental, 1972, p 254), “Gonçaluo Cebreyro” (doc ano 1493 en X. Ferro Couselo, A vida e a fala dos devanceiros. Escolma de documentos en galego dos séculos XIII ao XVI, vol I, 1967, p 162).

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe que leva como armas, en campo de azul, un brazo de prata, movente da parte sinistra da punta, entre chamas de goles, sostendo na man, tamén en prata, unha espada do mesmo metal; na parte superior destra do escudo, un libro aberto de prata, superado dunha estrela de ouro.