Cefalonia

Cefalonia

Illa do Mar Xónico, Grecia, situada na entrada do golfo de Patras ou Patraïkós Kólpos (904 km2; 32.474 h [1991]). Constitúe o nomós de Cefalonia, nas Illas Xónicas, con capital en Argostólion (7.164 h [1981]). Está formada por extensas chairas bordeadas por macizos montañosos. No 189 a C foi conquistada polos romanos, despois pasou ao poder do goberno de Bizancio ata 1082, ano no que foi ocupada polos normandos. Dependeu de Venecia e do principado de Morea (1194-1324). Foi tomada polos anxevinos, despois recobrou a súa autonomía baixo os Tocco, que pediron o protectorado de Venecia (1482) que, á súa vez, a integrou no ducado de Corfú. Estivo baixo a administración do goberno francés (1797-1809) e posteriormente do goberno británico. En 1864 foi anexionada ao Reino de Grecia.