cefalópodo -da

cefalópodo -da

(< cefalo- + -podo)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos cefalópodos.

  2. s m [ANIMAL]

    Molusco da clase dos cefalópodos.

  3. s m pl [ANIMAL]

    Clase de moluscos mariños, os máis especializados do filo, que teñen o corpo bilateralmente simétrico e dividido en: cefalopodio, que consta de cabeza, pé (transformado en brazos ou tentáculos móbiles peribucais) e sifón; visceropáleo ou manto, que consiste nun saco muscular no que se localizan as branquias e as vísceras; e cavidade paleal, que constitúe un espazo entre o manto e as vísceras. Os tentáculos non son retráctiles e están total ou parcialmente cubertos de ventosas internas e, a miúdo, de uñas córneas. Os brazos serven para a exploración táctil e química, ademais da captura de presas. O número de brazos é variable, así, os octópodos presentan oito, os decápodos tamén oito e dous tentáculos, e no caso dos Nautilus, o número pode variar entre 63 e 94; as máis das veces os brazos están unidos entre si por unhas membranas que se denominan umbrela, velo ou membrana interbranquial. Moitas especies presentan aletas que lles serven como propulsores, estabilizadores ou para enterrarse na area. Na boca posúen un bico córneo e ganchudo. O tamaño do manto dos cefalópodos adultos varía entre os 6 mm das especies do xénero Idiosepius e os 5 m das luras xigantes do xénero Architeuthis, que constitúen os maiores invertebrados existentes. Presentan un sistema nervioso e sensorial complexo, cun cerebro moi desenvolvido, formado por lóbulos que conteñen millóns de células nerviosas xigantes. Os ollos son complexos, con córnea, cristalino e retina, e constitúen unha estrutura moi similar á dos vertebrados, nun claro exemplo de converxencia evolutiva. Os cefalópodos teñen un par de estatocistos de estrutura complexa no interior da cabeza, que lles serven como órgano de equilibrio e como controlador das aceleracións e sons de baixa frecuencia. Os octópodos tamén presentan fotorreceptores ao longo do corpo que lles proporcionan información sobre a iluminación do contorno e dos cambios estacionais que poden estar relacionados cos procesos migratorios e coa maduración sexual. Comprobouse, de xeito experimental, a súa capacidade para aprender patróns establecidos. A cuncha dos tetrabranquios é externa, ten forma de espiral e divídese en septos; no último, o máis grande, está o animal mentres que os outros están cheos de aire. A cuncha dos dibranquios é interna (agás nas espírulas, que é semellante á dos tetrabranquios) e sufriu unha redución progresiva desde as formas fósiles ás actuais, mesmo nalgúns casos desapareceu totalmente (octópodos). Moitos cefalópodos presentan unha glándula rectal especializada, unha bolsa de tinta que contén melanina, coa que forman un nube negra que facilita a súa fuxida, e tirosinasa, que irrita os ollos e os órganos olfactorios dos depredadores. Teñen moitos cromatóforos dérmicos, células especializadas con gránulos de pigmento que permiten cambios de coloración rápidos e altamente crípticos. Presentan células musculares finas que, ao contraerse, expanden o cromatóforo e dispersan o pigmento, de xeito que cambia a cor do animal; ao relaxarse o pigmento volve concentrarse. As mutacións de cor van dende o escurecemento e o aclaramento, pasando por tonalidades amarelas, rosadas ou violetas, ata a formación de bandas, lunares ou manchas. Empregan este sistema para informar do perigo, para camuflárense e nos rituais de cortexo ou ameaza. Así, unha lura pode comunicarse á vez con catro individuos enviándolles a cada un unha mensaxe distinta. Algúns xéneros abisais teñen tamén órganos luminosos. Presentan sistemas de comunicación intraespecífica baseados nun código de cores e movementos; de feito, as que viven nas profundidades teñen elaborados sinais visuais baseados en órganos luminosos. Desprázanse, fundamentalmente, coa propulsión a chorro da auga contida na cavidade paleal, mediante a expulsión brusca e a presión polo sifón. Para mellorar a flotabilidade presentan cunchas internas esponxosas, presenza de gases nitroxenados e acumulación de cloruro amónico ou lípidos. A maioría dos cefalópodos realizan migracións relacionadas coa alimentación e coa reprodución, así como desprazamentos verticais diarios na columna de auga: algunhas especies permanecen durante as horas de luz a 800 m de profundidade e ascenden á superficie durante a noite. Teñen ciclos vitais curtos e rápidos que duran dende os 5 ou 6 meses das especies de menor tamaño ata os 5 anos das especies máis grandes. Tamén presentan unha elevada capacidade para rexenerar tentáculos ou brazos perdidos. Os sexos están separados e presentan un dimorfismo sexual marcado, tanto pola presenza de estruturas distintas, como polo tamaño. As máis das veces a cópula vén precedida de cortexos nupciais. No momento da reprodución, o macho introduce cun brazo especializado os paquetes de espermatozoides na cavidade do manto da femia. Moitas especies só se reproducen unha vez ao longo do seu ciclo vital, xa que morren logo da posta; outras, como os polbos, non só sobreviven a ela senón que a coidan defendéndoa dos depredadores e limpándoa cos brazos e chorros do sifón. Non presentan metamorfoses e as formas novas só se distinguen dos adultos, á parte do tamaño, polas proporcións corporais. Son exclusivamente mariños e estenohalinos, peláxicos ou bentónicos, moitos deles abisais e algúns cosmopolitas. Algúns octópodos peláxicos presentan a musculación reducida, un alto contido en auga e un aspecto medusoide. Os cefalópodos son depredadores ou preeiros e empregan brazos e tentáculos para capturar as presas que localizan fundamentalmente mediante estímulos visuais. Aliméntanse, sobre todo, de crustáceos, peixes, outros cefalópodos, poliquetos e octópodos, principalmente de gasterópodos e bivalvos. O principal produto da excreción é o amoníaco. Teñen un alto interese económico para o home, xa que supoñen o 2% da pesca mundial con dous millóns de toneladas anuais, centradas nunhas 175 especies, das que as potas e as luras constitúen o 72% das capturas e os polbos o 15%. O rendemento para a alimentación pode acadar o 80% do peso total, caracterizado pola súa carne cun alto contido en auga e en compostos proteicos nitroxenados. Péscanse con nasas, poteiras manuais ou automáticas, e con redes de malla ou arrastre. Teñen interese na experimentación neurofisiolóxica debido ao gran tamaño das células nerviosas. Coñécense arredor de 650 especies, pertencentes a 150 xéneros e a 45 familias. Os cefalópodos divídense en tres subclases: os ammonoideos, que presentaban cunchas con cámaras de septos complexos, propios do Mesozoico e que se extinguiron no Cretáceo; os nautiloideos, con dous pares de branquias, abundantes no Paleozoico e representados na actualidade só polo xénero Nautilus; e os coleoideos, que presentan un só par de branquias e abranguen catro ordes: sepioideos ou xibas, teutoideos ou luras, vampiromorfos, cunha única especie de augas profundas, e octópodos.

Palabras veciñas

cefalómetro | cefalón | Cefalonia | cefalópodo -da | cefalorraquídeo -a | cefalosporina | cefalotáceo -a