1 cegoña

1 cegoña

(

  1. s f [ANIMAL/ORNIT]

    Ave do xénero Ciconia, de gran tamaño e corpo robusto, con patas, pescozo e peteiro longos. As ás son longas e dixitadas; mentres voan, de xeito pausado e alternando movementos das ás con pairos, manteñen o pescozo estendido e as patas sobresáenlle por detrás da cola. O único son que realizan é o cacarexo, que ten lugar ao bater as mandíbulas ao tempo que botan a cabeza para atrás. Camiñan polo chan, especialmente en lugares húmidos, buscando presas como anfibios e insectos. Hai dezasete especies de cegoñas, moitas delas con problemas de conservación, xa que o seu número descendeu en todos os países como consecuencia do desecamento das zonas húmidas, a contaminación e os obstáculos na migración.

  2. cegoña branca [ANIMAL/ORNIT]

    Cegoña de ata 100 cm de lonxitude, coa plumaxe branca, agás as plumas primarias e secundarias das ás, que son de cor negra. Teñen o peteiro e as patas longos e de cor vermella, aínda que nos dous primeiros anos son acastañados. Teñen unha distribución paleártica, dende o N de África ata Xapón e Corea. A maior parte da poboación mundial está en Europa Oriental e na Península Ibérica, onde ocupa principalmente a metade oriental e o val do Ebro. En Galicia está presente como ave de paso en zonas húmidas e como aniñadora no cuadrante sudoriental. Pasan o verán en Europa, aínda que algunhas aves de poboacións meridionais teñen un comportamento sedentario. Chegan no mes de marzo e reparan ou constrúen o niño en árbores, tellados, campanarios, torres eléctricas ou outras construcións. A finais do s XX as poboacións ibéricas experimentaron unha clara recuperación, con máis de 16.000 parellas. A isto contribuíron a alimentación en vertedoiros, o que deu lugar á súa permanencia en núcleos de poboación con independencia da dispoñibilidade de medios húmidos. Ademais, co aumento das poboacións que invernan na Península Ibérica, principalmente en zonas húmidas de Andalucía, diminuíu a influencia global da mortalidade africana da especie.

  3. cegoña negra [ANIMAL/ORNIT]

    Cegoña duns 96 cm de lonxitude, que presenta a plumaxe negra brillante coa parte inferior do corpo branca, e o peteiro, as patas e o anel ocular de cor vermella. Existen unhas 6.000 parellas por todo o mundo que ocupan áreas de clima chuvioso temperado ou boreal de Europa e Asia, ademais dunha poboación en Sudáfrica. Na Península Ibérica subsisten unhas 250 parellas que ocupan o cuadrante sudoccidental, en localidades con bosques e cantís fluviais, asociadas a cursos fluviais ou masas de auga e sen presenza humana aparente. En Galicia é unha ave de paso que se pode observar en zonas húmidas do interior, como na Baixa Limia, ou da costa, como a ría de Vigo.

  4. [HERÁLD]

    Nos escudos heráldicos represéntase sobre unha pata, de perfil, unhas veces con dúas cabezas e, outras, sobre o niño.

Palabras veciñas

CEGEBAD | cego -ga | cego -ga | 1 cegoña | 2 cegoña | cegoñal | Cegoñas