Cela Trulock, Camilo José

Cela Trulock, Camilo José

Escritor. A súa primeira infancia transcorreu na Galicia rural das Rías Baixas, concretamente nas vilas de Iria Flavia, Tui e Cangas. Primoxénito do matrimonio formado por Camilo Cela Fernández e Camila Enmanuela Trulock y Bertonini, no seu libro de memorias La rosa (1959) vincula as súas primeiras lembranzas ás estadías nas casas dos avós maternos, en Iria Flavia, e paternos, en Tui. O contacto co cosmopolitismo da súa familia inglesa, por parte materna, e a relación íntima con Galicia, resultado do trato co mundo do avó paterno e co contorno galegofalante, sentaron as bases do futuro creador enraizado no rural galego. Con motivo do traslado do pai, funcionario de aduanas, a familia estableceuse en Cangas e o neno asistiu á escola en Vigo. Nesta época coñeceu o poeta Antón Noriega Varela, que fundara, xunto co seu pai e Antón Villar Ponte, o xornal anticaciquil Guau, Guau. A este antecedente literario paterno súmase a relación da súa bisavoa María Margarita Jones con Rosalía de Castro, quen lle dedicou o poema en galego escrito en memoria do xeneral inglés sir John Moore, e as actividades literarias do seu curmán Modesto Fernández González, coñecido polo pseudónimo de Camilo de Cela, que contribuíu á recuperación da poesía galega e que convocou o premio que daría a coñecer a Curros Enríquez. A vinculación de Cela coa cultura galega explica fitos da súa produción como a escritura híbrida, entre o galego e o castelán, dos contos “El Garamillas de la Ramalleira, pastequeiro de pro” e “María da Portela, la sabia del lombrigueiro”, recollidos en Nuevo retablo de don Cristobita; os tres poemas galegos publicados na revista Papeles de Son Armadans -“Romaxe da historia natural”, “Canzón pra unha muller aldraxada polo tempo” e “A unha rapariga garatuxeira, chamada Catuxa de Fiz”-; o seu estudo e conferencia venezolana “Sobre el alma gallega y sus facetas y algunas muestras de la morriña en su poesía” ou os abundantes galeguismos de Mazurca para dos muertos, e a frecuente presenza de personaxes e paisaxes galegas nas súas ficións. En 1925 instalouse definitivamente en Madrid. Tralo paso polos colexios dos escolapios, dos maristas e polo instituto de San Isidro, iniciou estudios de medicina e matriculouse nas clases de literatura española contemporánea de Pedro Salinas, na facultade de Filosofía e Letras. Alí coincidiu con Alonso Zamora Vicente, Julián Marías e o poeta chileno Luis Enrique Délano, que o puxo en contacto con Gabriela Mistral e Pablo Neruda. No ano 1935, apareceron os seus dous primeiros poemas no suplemento literario de El argentino, en La Plata. A través da súa amizade con Miguel Hernández e María Zambrano relacionouse cos círculos literarios do Madrid da época e, influído pola mestura de tradición e modernidade que cultivaba o grupo poético do 27, concluíu en 1936 o poemario Pisando la dudosa luz del día, inédito ata 1945. En 1931 contraeu unha tuberculose pulmonar que o obrigou a gardar repouso; nesta tempada adquiriu unha sólida cultura autodidacta, leu a Ortega y Gasset e a Biblioteca de autores españoles desde la formación del lenguaje hasta nuestros días, de Rivadeneyra. A Guerra Civil española interrompeu a súa incipiente carreira literaria e, tras asistir aos inicios da contenda en Madrid, evacuárono da zona republicana por València e alistárono no bando nacional. A experiencia da guerra marcou un cambio de rumbo nos seus intereses literarios e, deixando atrás a poética esteticista e deshumanizada do 27, decantouse polo cultivo da prosa. De novo foi alumno da Universidade Central na facultade de Dereito, estudios que tampouco chegou a rematar, e converteuse en colaborador esporádico de libros, revistas e xornais patrocinados polo novo réxime. Neses anos rematou a súa primeira novela, La familia de Pascual Duarte. A partir de entón, converteuse nun dos nomes habituais nas publicacións literarias máis relevantes do momento, como El español, La estafeta literaria, Fantasía ou Garcilaso, que promocionaba o delegado nacional de prensa Juan Aparicio como elemento de soporte e control do panorama literario español. No mesmo ano, o escritor recibiu o cargo burocrático de censor das revistas Boletín del colegio de huérfanos de ferroviarios, Farmacia nueva e Mensajero del Corazón de Jesús. Non obstante , pese á protección de Aparicio, a segunda edición da novela foi retirada da venda e prohibida co beneplácito da Igrexa ata 1946. No ano 1944 apareceron outras dúas obras que o confirmaron como escritor: Pabellón de reposo, na que ensaiou o retrato dunha colectividade de enfermos baseado na súa vivencia persoal dos sanatorios para tuberculosos a través dunha serie de monólogos de alcance existencial, e Nuevas andanzas y desventuras de Lazarillo de Tormes, onde emulou a novela picaresca do s XVII. Baixo a influencia decisiva da teoría da paisaxe de Ortega y Gasset e da tradición viaxeira dos autores do 98, en especial de Pío Baroja e de Azorín, emprendeu unha viaxe por terras da Alcarria que frutificou na publicación do Viaje a la Alcarria e do Cancionero de la Alcarria en 1948, que irán xuntos a partir da edición de 1954. Na liña de Ortega, desenvolveu unha concepción da paisaxe que transcendeu a condición de mero elemento da natureza obxectiva para constituír unha indagación da alma humana e da vida. A mesma conexión entre o home e o medio está presente nos seus libros de viaxes posteriores: Del Miño al Bidasoa (1952), Cuaderno del Guadarrama e Ávila (1952); Judíos, moros y cristianos (1956); Primer viaje andaluz (1959), Viaje al Pirineo de Lérida (1965) ou Galicia (1990). Das súas visitas a diversos lugares da xeografía española, tivo especial relevancia a súa estadía na vila de Cebreros (Ávila), onde pasou os veráns entre 1947 e 1950. Neste período rematou a novela La colmena, aparecida en Bos Aires en 1951, que inaugurou unha nova estética que a distanciou das novelas anteriores. A partir de 1947 cultivou unha nova fórmula narrativa á que chamou apunte carpetovetónico, modalidade literaria autónoma perfectamente diferenciable do artigo e do conto que definiu no prólogo titulado “Relativa teoría del carpetovetonismo”, do volume III da Obra completa. Técnica debedora de Quevedo e Torres Villarroel, das pinturas de Eugenio Noel e Gutiérrez Solana e moi especialmente do esperpento de Valle-Inclán, retrata, a medio camiño entre a narración e a descrición, xentes de diverso oficio e condición, unidas por unha común candidez, polo orgullo co que arrastran a súa existencia anódina e insignificante. A ironía do narrador consiste en evidenciar a incurable candidez duns seres inconscientes da súa ineptitude, que ao enfrontárense coa realidade, atribúen o fracaso á mala sorte, á incomprensión ou á inxustiza. Este peculiar enfoque é o que predomina nas diversas compilacións de apuntamentos que publicou desde a edición definitiva de El gallego y su cuadrilla y otros apuntes carpetovetónicos (1955), El molino de viento (1956) e Nuevo retablo de don Cristobita. Invenciones, figuraciones y alucinaciones (1957), ata Tobogán de hambrientos (1962), pasando pola primeira e segunda serie de Los viejos amigos (1960-1961). Esta perspectiva degradada e grotesca da humanidade non é dominio exclusivo dos textos breves, senón que alenta boa parte da súa novelística. O seu progresivo desapego da capital, coincidindo coa aparición de La colmena, valeulle a expulsión da Asociación da Prensa de Madrid. A finais de 1952, emprendeu unha viaxe por Hispanoamérica que o levou a Chile e Arxentina e, posteriormente, a Colombia, Ecuador e Caracas. Ao seu regreso de Hispanoamérica, en 1954, realizou unha viaxe a Inglaterra, invitado como conferenciante nas principais universidades británicas, á que seguiu, en 1955, outra estancia en Hispanoamérica. Neste período publicou varias novelas curtas, entre elas Timoteo el incomprendido (1952), Santa Balbina 37, gas en cada piso (1952), Café de artistas (1963) e Mrs. Caldwell habla con su hijo (1953). En 1954 instalouse en Mallorca, residencia na que permaneceu ata o traslado a Guadalajara en 1989. No mesmo ano coñeceu a Ernest Hemingway, con quen fixo unha viaxe ao Escorial dous anos despois. Alí compuxo La cátira (1955), novela inspirada na súa experiencia venezolana; un canto á muller e á terra, onde a captación de paisaxes e tipos prevalece sobre o argumento tráxico. Emulando o Tirano Banderas (1929), de Valle-Inclán, a obra está escrita nunha koiné hispánica que inclúe nun mesmo parágrafo “modismos americanos de todos los países desde el modo lépero al modo gaucho”, como afirma en 1953 nunha carta dirixida a Alfonso Reyes. No mes de abril de 1956 saíu o primeiro número da revista mensual Papeles de Son Armadans, da que foi fundador, director e asiduo colaborador ata a súa desaparición en marzo do 1979. Nas súas páxinas publicou apuntamentos carpetovetónicos, poemas, traducións, estudios filolóxicos, artigos, editoriais, notas necrolóxicas, noticias de actualidade e, nas coidadas edicións paralelas á revista, varios libros, entre os que destacan La obra literaria del pintor Solana (1957); Gavilla de fábulas sin amor (1962), con ilustracións de Pablo Picasso; El solitario y los sueños de Quesada (1963), con debuxos de Rafael Zabaleta; María Sabina (1967) e El carro de heno o el inventor de la guillotina (1969). A crítica ten sinalado o labor determinante da publicación como enlace entre as escisións, os extremos da España posbélica: potenciou a conexión entre xeracións; foi vía de expresión para a intelectualidade do exilio exterior e interior; publicou textos en catalán (Salvador Espriu ou Joan Brossa) e en galego (Celso Emilio Ferreiro, Manuel Casado Nieto ou Manuel María) e atendeu os distintos eidos da arte. Con Nuevas escenas matritenses (1965-1966) e Madrid (1965) retratou o costumismo madrileño, desgarrado e grotesco. O 26 de maio de 1957 ingresou na Real Academia Española de la Lengua. No curso do discurso de presentación proclamou a súa débeda con Ortega y Gasset, Pío Baroja e Gregorio Marañón e leu un texto sobre a obra literaria do pintor Gutiérrez Solana (1886-1945), co que afirmaba implicitamente a filiación solanesca do seu estilo. Da súa participación en congresos e encontros de escritores, cómpre salientar a súa intervención no ano 1959 como representante da narrativa española contemporánea no Primer Coloquio Internacional de Novela, un dos acontecementos máis reveladores das tendencias entón predominantes entre os novelistas españois e estranxeiros, especialmente franceses, como Michel Butor e Alain Robbe-Grillet. Nos anos seguintes ao seu nomeamento como académico, Mallorca converteuse no escenario de diversas iniciativas culturais promovidas polo escritor, como a organización, no mesmo ano de 1959, das Conversaciones poéticas de Formentor. O establecemento da súa residencia na illa non fixo desaparecer a súa frecuente presenza en Madrid para asistir ás sesións da Academia ou ao seu traballo na editorial Alfaguara, da que foi fundador e director entre 1964 e 1972, nin a súa vocación viaxeira, que desembocou na obra Nuevo viaje a la Alcarria (1986). En 1962 iniciou a publicación da súa obra completa e a partir dos anos setenta, a súa presenza pública fíxose máis activa. Interveu na política institucional no período decisivo que vai desde a morte do xeneral Franco en novembro de 1975 ata a aprobación da Constitución de 1978. Nese ano foi elixido senador na primeira lexislatura da monarquía por designación real, cargo que ocupou ata a convocatoria de novas eleccións xerais. En 1988 asumiu a presidencia da Fundación Cultural Rich, en 1990 iniciou a súa colaboración diaria no xornal El independiente, baixo o título de “El camaleón soltero” e en 1995 converteuse no director da revista de crítica literaria El extramundi y los papeles de Iria Flavia. O seu labor de novelista proseguiu coa aparición de Tobogán de hambrientos (1962). A finais de 1969 publicou Vísperas, festividad y octava de San Camilo del año 1936 en Madrid, novela urbana na que nun continuo fluír sen puntos e á parte o narrador emprega a segunda persoa para integrar no mesmo discurso narración, diálogo, noticias de prensa e anuncios, onde se relatan os preparativos e o comezo da Guerra Civil española sentida como unha traxedia colectiva. O monólogo do protagonista só recolle o máis sórdido, tipos monstruosos, violencia e, sobre todo, unha presenza obsesiva do sexo nas súas manifestacións máis crúas, que fai xurdir a inxustiza, a náusea e o medo. En 1973 deu ao prelo Oficio de tinieblas 5, experimento narrativo no que de novo predominan o sexo e a morte, composto por fragmentos narrativos, monólogos, máximas e salmodias de contido diverso que flúen sen puntuación. Dez anos despois, abandonou o experimentalismo radical e volveu ao eido da narrativa con Mazurca para dos muertos (1983), ambientada no mundo da Galicia rural, na que narra unha historia de amor e de morte baixo o signo da violencia e da vinganza, vinculada á Guerra Civil, que desata as baixas paixóns humanas pero que non pode vencer a implacable “lei do monte”, que imporá a súa xustiza máis alá do poder político. En 1988 apareceu Cristo versus Arizona, na que retomou o experimentalismo de novelas anteriores. Trátase dun longo monólogo, sen separación de parágrafos, nin puntos; o narrador é un personaxe desequilibrado que fía nunha asociación caótica un amplo catálogo de anécdotas, personaxes e observacións ambientadas no oeste americano e dominadas por unha idea desolada do mundo. Nos anos seguintes proseguiu o seu avance experimental coas novelas El asesinato del perdedor (1994), La cruz de San Andrés (Premio Planeta 1994) e Madera de boj (1999), no que recrea, unha vez máis, o escenario da súa Galicia natal; e coas coleccións de contos Cachondeos, escarceos y otros meneos (1991), La dama pájara (1994) e Historias familiares (1999), entre outras. Cómpre destacar as súas versións de clásicos da literatura como o Cantar del Mio Cid (1957-1959) ou La Celestina (1979) e as achegas lexicográficas do Dicionario secreto (1967 e 1971), que documenta e explica as palabras tabú do castelán, da Enciclopedia del erotismo (1976-1977) e do Dicionario geográfico popular de España (1998). Finalmente, cultivou o ensaio con obras como Cuatro figuras del 98. Unamuno, Valle-Inclán, Baroja, Azorín, y otros retratos y ensayos españoles (1961), Al servizo de algo (1969), Los vasos comunicantes (Ensayos, verdades y libertades) (1981) ou Conversaciones españolas (1987). A súa importancia na historia da literatura reside, non só no seu papel de elo entre o antes e o despois da Guerra Civil, como enlace co labor creativo interrompido das xeracións literarias de preguerra, senón tamén na constante renovación das súas ficións que sinalan novos camiños estéticos. A súa vontade de estilo, que determinou unha concepción do mundo e unha estética peculiar por riba dos experimentalismos, permítelle ao lector identificar o seu selo persoal en cada un dos seus textos. A súa relación co mundo cinematográfico e televisivo maniféstase en tres ámbitos. En primeiro lugar, varias das súas obras literarias foron adaptadas ao cine ou a televisión. Este é o caso de La familia de Pascual Duarte e o filme Pascual Duarte, dirixido en 1976 por Riccardo Franco, La insólita y gloriosa hazaña del cipote de Archidona, dirixida por Ramón Fernández en 1979, na que tamén participa na adaptación e diálogos, e La Colmena, dirixida en 1982 por Mario Camus. Para TVE adaptouse Del Miño al Bidasoa, en 1990, nunha serie do mesmo nome. Un segundo ámbito é o de actor. Cela debutou como actor no filme El Sótano (Jaime de Mayora, 1949) e despois participou en Facultad de Letras (Pío Ballesteros, 1949). Posteriormente aparecerá na película de Fernando Fernán-Gómez Manicomio (1954) e en La Colmena. Interpretándose a si mesmo, participará en Impromptu Balear, documental do NODO, dirixido por Francisco Rovira-Beleta en 1971 e en La insólita y gloriosa hazaña del cipote de Archidona. Por último, fixo as correcións dos diálogos de El solano, Facultad de Letras, El cerco del diablo (película realizada por varios directores en 1952), Consultaré a Mr. Brown (Pío Ballesteros, 1946) e El Quijote de Miguel de Cervantes, mini serie para TVE, de 1991, dirixida por Manuel Gutiérrez Aragón. É membro honorario da Real Academia Galega, membro da Real Academia Galega de Ciencias, doutor honoris causa polas universidades de Santiago de Compostela, Complutense de Madrid, Syracuse, Birmingham ou Tel-Aviv. Foi galardoado coa Gran Cruz da Orde de Isabel la Católica, a Medalla Picasso da UNESCO, a Medalla Castelao da Xunta de Galicia, o Premio Nacional de Literatura (1984), o Premio Príncipe de Asturias das Letras (1987), o Premio Nobel de Literatura (1989), o Premio Cervantes (1995) e o título de Marqués de Iria Flavia, entre outros.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Iria Flavia