Celanova, San Salvador de
Mosteiro beneditino situado en Celanova e fundado por san Rosendo no s X. Tras erixir un pequeno cenobio no ano 942, a primeira comunidade estivo dirixida polo abade Fránquila ata a súa morte no ano 955. Posteriormente, foi o propio san Rosendo, tras renunciar ao bispado de Dumio, quen gobernou o mosteiro ata a súa morte no 977. Comezou así un período de expansión da sé monástica grazas ás numerosas doazóns recibidas pola monarquía e a integración doutros cenobios menores. A mediados do s XII a igrexa mozárabe substituíuse por unha nova de trazas románicas ao aproveitar os privilexios e a protección que exerceron os reis sobre a comunidade beneditina. Non obstante , no período baixomedieval os conflitos xurisdicionais coa nobreza provocaron un período de estancamento que rematou coa integración desta comunidade no mosteiro de San Benito el Real de Valladolid no ano 1506. Este momento coincidiu cunha nova etapa de esplendor económico, cultural e artístico que tivo repercusións na renovación arquitectónica do mosteiro. As obras comezaron pola fachada da igrexa, rematada no 1653, onde a disposición dos tres corpos verticais anunciaban as tres naves interiores. A presenza de elementos arquitectónicos clásicos realizouse de xeito desordenado, na procura do efecto teatral dunha fachada barroca presidida pola escultura de san Bieito no fornelo central, flanqueado polas imaxes de san Rosendo e san Torcado. No ano 1660 derrubouse a igrexa románica e comezou a obra do actual templo, seguindo as trazas proxectadas por Melchor de Velasco. É un edificio con planta de cruz latina con tres naves de tres tramos e outra transversal que fai de cruceiro e que dá acceso á cabeceira rectangular. A nave central cóbrese cunha bóveda de canón en forma de casetón e no cruceiro elévase unha cúpula de media laranxa sobre pendentes, na que máis adiante interviñeron outros arquitectos como Pedro de Monteagudo e frei Plácido Iglesias, que reedificou a lanterna da cúpula (1783) trala destrución desta por un raio. No interior destaca a presenza das pinturas de Gregorio Ferro Requeixo sobre san Rosendo e a súa familia. O retablo maior, de finais do s XVIII, é obra do obradoiro de Castro Canseco e amosa unha ornamentación a base de recursos arquitectónicos como as columnas salomónicas que albergan un completo programa iconográfico con escenas da vida de Cristo e da orde beneditina. Consérvanse un total de doce retablos máis entre os que destaca o dedicado a san Rosendo, obra de frei Primitivo (1718). Posúe dous sitiais de coro, un disposto na tribuna, de finais do s XV, e caracterizado pola decoración goticista e pola iconografía pagá, e un segundo sitial disposto na nave central, obra de Castro Canseco, e cunha iconografía que se desenvolve en trinta e oito taboleiros montados en dous corpos. No primeiro cóntase a vida de san Bieito e san Rosendo, mentres que no segundo se representan monxes beneditinos ilustres tales como san Isidoro de Sevilla, san Fructuoso de Braga, san Agostiño ou san Lourenzo de Canterbury. A fachada principal ábrese á praza Maior, onde tamén se abre o corpo saínte en forma de torre, rematada cun frontón curvilíneo, que fai de entrada ao recinto. Detrás desa fachada está o claustro antigo ou das procesións, que se iniciou, no seu corpo baixo, a mediados do s XVI segundo trazas de Juan de Badajoz o Novo. O corpo superior, obra de frei Plácido Iglesias, completouse cun estilo plenamente barroco no segundo terzo do s XVIII. O refectorio (1781), as cociñas e a tribuna da igrexa que permite a entrada no Arquivo (1673) teñen acceso desde este claustro. Na parte sur do mosteiro hai un segundo claustro coñecido como o do Poleiro, pola balconada sobre ménsulas que conserva (1693-1712). Fronte á ornamentación barroca do claustro vello, aquí predomina o sentido do rigor e da austeridade do neoclásico. Desde este claustro, que albergaba as celas dos monxes, a enfermería e a biblioteca, accédese á horta e ao bosque que rodeaba o mosteiro. Coa desamortización, estas dependencias monásticas tiveron diversos usos, como escola, almacén ou mesmo cárcere. Entre 1869 e 1929 permaneceron no mosteiro os escolapios, que fundaron alí un colexio, e despois os xesuítas. Trala súa rehabilitación en 1984 esta parte do edificio ocupouse coas dependencias municipais de Celanova e por un instituto de ensino medio e profesional. Desde o exterior destaca, entre o lateral da igrexa e a fachada principal do mosteiro, a chamada Torre dos Abades, que comezou a construírse a mediados do s XVI e rematouse a mediados do s XVIII, baixo a dirección de frei Pedro de Hoyos. Foi declarado Ben de Interese Cultural en 1931.